miércoles, 27 de febrero de 2008

Os comuneiros lamentan que o alcalde actúe "tarde e sen lóxica" na apertura dos viais a Canelas e Fervide

Fotografía procedente de www.todogrove.com
Nova publicada no Diario de Arousa:
A Comunidade de Montes de San Vicente sae ao paso do anuncio emitido polo alcalde do municipio respecto dunha "apertura inminente" dos dous accesos ás praias de Canelas e Fervide. O presidente do colectivo, Manuel Ochoa, incide en que dende o goberno local se actuou "tarde" e incidiu en que o coñecido como "camiño do Norte" xa debería estar aberto o día 15 de xaneiro, xusto 30 días despois de que os propios comuneiros presentasen unha batería de 200 sinaturas para "apoiar ao alcalde" para que tomase a decisión mediante Decreto, algo que non se fixo ata o momento. Ochoa incide ademais en que "non é lóxico" que se ordene no Pleno abrir o camiño do Sur sen que o asunto se resolva antes nos xulgados.
O anuncio da apertura inminente dos dous camiños de acceso a Canelas e Fervide comeza a provocar as primeiras reaccións entre un dos principais colectivos implicados, o da Comunidade de Montes de San Vicente. A directiva da entidade, que estivo presente na sesión plenaria do luns, acusa ao alcalde de actuar "sen lóxica" á hora de ordear a apertura do camiño do Sur (ou de Indeza) a pesar de estar este pendente dunha resolución xudicial. O presidente dos comuneiros, Manuel Ochoa, reseñou que "era mellor que esperaramos ao que diga a Xustiza, que estamos seguros de que vai dicir que é de uso público, porque se ao final non nos dá a razón haberá que pechar de novo o vial".
Dende a directiva dos comuneiros inciden ademais en que o goberno local "non cumpriu" co prazo legal para ordear por Decreto da Alcaldía a apertura, en 30 días dende a presentación da batería de firmas por parte dos veciños, do camiño do Norte. Os comuneiros aseguran que non teñen moitas esperanzas en que, ao final, o alcalde vaia cumprir a súa promesa e ratifica que "por aí detrás hai outro tipo de intereses de carácter urbanístico que non se queren dicir".
José Antonio Cacabelos anunciaba en Pleno que manterá en breve un encontro cos veciños afectados polo peche do vial norte e cos propietarios das fincas que o reclaman como seu. Neste senso, incide en que "imos intentar negociar por donde abrir o vial e se non chegamos a un acordo abrímolo igual". Tras estas afirmacións, Manuel Ochoa incide en que "non vale de nada a negociación" e ratifica que "o camiño foi sempre ese, e todos os veciños así o saben e por iso nós o arreglamos no seu momento".
Non obstante, dende a Comunidade de Montes inciden en que "nós o que queremos é que o abran para beneficio dos veciños e dos turistas" e resaltan que "se os propietarios desas fincas o queren pechar entonces recurriremos, cos papeis e documentación en man, pola vía xudicial para demostrar que temos razón".
Manuel Ochoa recalca tamén que "nós non temos nada que ver co urbanismo e se hai intereses por detrás non queremos vernos involucrados porque o único que facemos é defender os intereses dos veciños e do que sabemos que é noso".

No hay comentarios: