martes, 25 de diciembre de 2007

Moción do Grupo Municipal Popular sobre a prevención dos lumes dende a Limpeza das Fincas

Fotografía de Alvaro Ballesteros

Fai aproximadamente un ano, por estas datas, os ceos de Galicia íanse escurecendo. Pouco a pouco, día a día, o fume que desprendían miles de hectáreas de monte calcinado pola acción criminal dun fato de desalmados incendiarios ocultaba paseniñamente a luz do sol.
A crise víase agravada pola incompetencia e a ineptitude na xestión da mesma dos dirixentes da Consellería de Medio Rural e a compracencia da propia presidencia da Xunta de Galicia. A falla de previsión, de reacción, de coordinación e de medios deu como froito mais de cen mil hectáreas de monte queimadas. Pouco despois, virían as riadas e as cinzas convertidas en toneladas de lama sobre os bancos marisqueiros.

Falla de previsión e lentitude na reacción.
No Grove tivemos mellor sorte. Pero como todos vostedes ben saben, a sorte hai que buscala. Mellor dito; a boa sorte é o resultado do traballo ben feito. E neste caso, falamos de prevención.
Dende o ano 2004, a Concellería de Medio Ambiente do anterior Goberno do Partido Popular, puxo en marcha un Plan de Limpeza de fincas polo cal se localizaban e controlaban aquelas propiedades que presentaban un aspecto de abandono e indecoroso. O respectivo expediente requiríalle ao propietario a súa limpeza e adecentamento nun prazo reducido de tempo. Como resultado, a actuación en máis de 150 fincas cada ano. O Plan chegou a actuar en todos os lugares do noso Concello. Mesmo no rural como no urbano. Proba do seu bo funcionamento e do grao de cumprimento, aceptación e coñecemento do mesmo é que cada vez máis veciños solicitaban a súa aplicación en fincas veciñas.
Os obxectivos do Plan de Limpeza de fincas eran claros; mellorar a imaxe e o ornato públicos, tamén dende o punto de vista sanitario, e sobre todo, actuar preventivamente eliminando posibles focos de lume nas proximidades das vivendas.
Hoxe en día podemos constatar que o Goberno Local non amosou interese algún pola continuidade do Plan de Limpeza de fincas. E o que é peor, non aportou ningunha solución alternativa. Así, son innumerables as parcelas cheas de broza e silvas que xa desbordan os límites da propia finca e ocupan mesmo parte das beirarrúas en rúas como Tte. Domínguez, Avda. de Portugal, Ardia, O Con, rúa do Conde, Xoán XXIII ..etc., que ademais, ofrecen os nosos visitantes unha imaxe nefasta do noso concello
As choivas caídas neste mes de Xullo, si ben evitaron a aparición dos lumes nos montes, polo contrario provocaron o crecemento das herbáceas e das silvas.
De cumprirse as previsións de subida das temperaturas para o mes de Agosto, elo ocasionaría a seca desta maleza, o que incrementa a carga combustible no monte e multiplica o risco de incendio.
Hai uns poucos meses e no inicio da campaña electoral, asistín o foro convocado por Iniciativa3 con todos os candidatos a Alcaldía. Seguín con atención a intervención de todos e cada un dos candidatos, sobre todo e con maior atención a do candidato do Partido Popular por razóns obvias. De cada un deles me quedei con certos detalles. Pero da do Sr. Alfredo Bea me quedei coas palabras seguintes: el dicía, corríxame se me equivoco, “ de acadar nós o Goberno, faremos un Goberno no que estean todos, un goberno de 17 concelleiros. Estou seguro de que os 17 formaríamos un estupendo equipo.”. Recorde agora onde as circunstancias o puxeron e o dito “ un é dono dos seus silencios e escravo das súas palabras” Eu lle tomo a palabra, cómprelle a vostede demostrar que non falaba en balde.
O Partido Popular exercendo sempre unha política responsable e comprometida cos nosos veciños, continuará neste mesma liña na nova etapa na que agora circunstancialmente nos atopamos, na que a oposición seria e construtiva será a nosa soña de identidade.
Por todo o anteriormente exposto, solicitamos o voto favorable e unánime da Corporación Municipal as seguintes propostas:

1º A continuidade e progresiva ampliación do Plan de Limpeza ou a creación doutro alternativo que cumpra os obxectivos marcados para o primeiro

2º A continuidade da colaboración coas Comunidades de Montes de S. Martiño e S. Vicente para acometer o desbroce das fincas da súa propiedade, actuando prioritariamente naquelas fincas que se atopen próximas as vivendas ou núcleos de poboación.

3º Que se elabore un Plan de Acción urxente e a través dos medios dispoñibles, xa sexan públicos ou concertados se execute, para acometer os debroces dos marxes das pistas forestais nunha extensión adecuada (2 metros aproximadamente). Dito Plan de Acción plantexaría as prioridades de actuación.

E que todo elo teña continuidade no futuro. Moitas grazas.

Atte.:

Fernando M. Meis
Concelleiro do Partido Popular

No hay comentarios: