jueves, 20 de diciembre de 2007

O PP acusa ó alcalde de non cumprir as suas promesas sobre a depuradora


Fotos procedentes de www.todogrove.com
Miguel Pérez lembra que a postura do seu partido sobre a EDAR “non provocou ningunha queixa en todos estes anos” e é a decisión do actual Goberno local “a que está a xerar crispación”.

COMUNICADO DO PARTIDO POPULAR
As críticas vertidas polo alcalde do Grove contra o Partido Popular en relación co proxecto da nova depuradora son “un intento burdo de disimular o incumprimento dos seus compromisos”. O voceiro do Grupo municipal do PP, Miguel Pérez, considera “absurdo e mesmo patético” que se pretenda “culpar ao noso partido da situación creada, cando todo o mundo sabe que a polémica e as protestas veciñais xurdiron pola decisión do alcalde de cambiar a ubicación prevista para a nova estación de augas residuais, sen importarlle os prexuízos que iso pode causar aos habitantes da zona nin o alto incremento de custo que implicaría”.
Miguel Pérez lembra que a postura do seu partido sobre a EDAR “non provocou ningunha queixa en todos estes anos” e é a decisión do actual Goberno local “a que está a xerar crispación”, agravada, engade, “polos bandazos e cambios de decisións” do alcalde. Nese sentido, subliña que o aprazamento do debate sobre asunto para que se organicen as visitas e explicacións prometidas aos veciños “é un recoñecemento explícito de que o alcalde non cumpriu tales promesas”.

PRESIÓNS DOS SOCIOS DE GOBERNO
Aínda así, a retirada do tema da orde do día do último Pleno do Concello “non se debeu á vontade de cumprir os compromisos adquiridos cos afectados”, senón que “foron as presións doutros integrantes do Goberno os que obrigaron ao alcalde a recular e tomar a decisión de retiralo, nun intento de achegamento aos veciños”.
O presidente local do PP subliña, igualmente, que “todos sabemos que a postura inicial do alcalde era deixar a depuradora onde está, pero a presión dos seus socios fixo que tivera que ceder, deixando ben clara a súa debilidade á hora de gobernar este concello”, co que “estamos ante unha demostración máis de que agora no Grove as presións dos integrantes do Goberno están por riba dos intereses dos cidadáns”.
Para Pérez, resulta “impropio de que ten a responsabilidade de gobernar” culpar a outros “das súas debilidades” e está claro que o alcalde “meteuse él soliño no problema”, dado que a actual planta de pretratamento, ubicada no lugar inicialmente previsto para a nova depuradora, “leva case doce anos funcionando sen ofrecer problemas, polo que todo o mundo tiña asumido ese lugar como o destino perfecto para a nova instalación”. As novas tecnoloxías aplicadas neste eido nos últimos tempos, salienta, “asegurarían unha depuradora compacta e con garantías, como ocorre en Pedras Negras, que está situada no corazón do porto deportivo e pesqueiro e leva a funcionar desde hai oito anos sen que ninguén plantexara problema algún”.
Por último, o voceiro do PP afirma que “en ningún momento tratamos de influír sobre ninguén, pero estaremos ao lado dos veciños, xa que coincidimos cos seus plantexamentos, por moito que o alcalde pretenda manipular esa defensa dos seus intereses e a lexítima participación veciñal”. Así mesmo, ofrece “a nosa colaboración, se nalgún momento a estima conveniente, para que no longo camiño que queda por diante non tome máis decisións que nin son súas nin sequera as comparte”.

No hay comentarios: