lunes, 22 de octubre de 2012

O Goberno aprobará no pleno de outubro a redución de soldo dos funcionarios de baixa

Noticia publicada en todogrove.com

A implantación na administración local do decreto do Goberno central que reduce as retribucións dos traballadores públicos nos primeiros días de baixa será un dos puntos a tratar no pleno do vindeiro xoves, no que tamén se falará das preferentes e do aborto.

Texto: I. Rodríguez

Tras a maratoniana sesión do mes de setembro, que se estendeu por preto de cinco horas, a corporación volverá reunirse o vindeiro xoves 25 nun pleno cunha orde do día notablemente máis curta e que terá como punto máis destacado a ratificación do acordo tomado a pasada semana pola Xunta de Goberno para a implantación do “novo réxime de cobertura das continxencias” por incapacidades laborais temporais.

Esta medida é consecuencia do real decreto “de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade” que o Goberno central aprobou en xullo e que reduce temporalmente as retribucións que os traballadores públicos percibirán no caso de atoparse de baixa.

Segundo explicou o concelleiro de Persoal, Juan Luis Callón, o Goberno local acordou, tras abordar esta cuestión co Comité de Empresa, fixar as porcentaxes que pasarán a cobrar os empregados públicos cando se atopen de baixa seguindo as “porcentaxes máximas que fixa o decreto”.

Concretamente, os traballadores do Concello pasarán a percibir o 50% do seu soldo entre o primeiro e o terceiro día de baixa, para logo cobrar 75% entre o cuarto e o vixésimo día. Xa a partir de aquí, o Concello aboáralles o 100% do seu soldo, que continuarán percibindo ata o día 91 da súa baixa, no que pasarán de novo a recibir o 75%.

Mais estes porcentaxes serán só aplicables no caso de incapacidades temporais por “continxencias comúns”, dado que no caso de “continxencias profesionais”, o Concello aboará o 100% das retribucións desde o primeiro día, ao igual que fará nos casos de hospitalización ou intervención cirúrxica.

Preferentes, abortos e conservas

Por outra banda, o Goberno local tamén levará ao pleno do vindeiro xoves unha nova modificación de crédito, a décima do presente exercicio; neste caso dirixida a destinar algo máis de 13.000 euros ao “proxecto do auditorio”. Para iso, retiraranse 7.000 euros dunha partida destinada á “reparación da Casa da Cultura”, 3.000 dunha “actuación en Lordelo”, algo máis de 2.000 dunha partida destinada ao “saneamento e auga en Senriñas”, e preto doutros 1.000 euros ao previsto para o céspede de Lampáns.

O resto dos puntos que conforman a orde do día corresponderán xa ao BNG, fronte que presentará nesta sesión un texto “para a defensa dos dereitos das mulleres e da libre decisión sobre a súa maternidade”, outro reclamando a “etiquetaxe obrigatoria dos produtos galegos do mar para conserva ou transformación”, e unha terceira moción na que reclama a “impugnación” do decreto aprobado polo Goberno central para a “reestruturación do sistema financeiro”, xa que entenden que “legaliza a fraude das participacións preferentes”.



No hay comentarios: