miércoles, 19 de septiembre de 2012

O Goberno renunciará a súa paga extra de Nadal para destinala ao pago de xuros

Noticia publicada en todogrove.com

O tripartito proporá á vindeira semana ao pleno de corporación unha modificación do réxime de dedicacións do grupo de goberno para suprimir a paga extraordinaria de decembro. Isto permitirá un aforro de 10.000 euros, que serán destinados, xunto con outros fondos, ao pago de xuros dos préstamos contraídos pola administración local.

“En solidariedade cos traballadores municipais grovenses”, que tamén veñen de quedar sen paga de Nadal, o Goberno que lidera Miguel Ángel Pérez levará ao pleno do vindeiro xoves 27 de setembro unha modificación do réxime de dedicacións exclusivas e parciais dos sete edís que forman o grupo de goberno coa finalidade de suprimir a paga extraordinaria que lles correspondería percibir no mes de decembro.

Esta modificación, que será debatida na comisión de contas convocada para este xoves, permitirá un aforro para as arcas municipais duns 10.000 euros aproximadamente. E probablemente non sexa o único punto da orde do día do pleno que se centre nos soldos do tripartito, xa que o PSOE anunciou a pasada semana que presentaría unha moción solicitando que se rebaixase o gasto en salarios do equipo de goberno en 150.000 euros.

Cabe lembrar que o tripartito conta con dous liberados a tempo completo, o alcalde, Miguel Ángel Pérez, que percibe 3.153 euros brutos ao mes, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, Alfredo Bea, que cobra 2.163 euros brutos. Logo, a concelleira de Igualdade, Aida Filgueira, percibe 1.081 euros brutos por unha dedicación a media xornada e o resto dos edís que conforman o equipo de goberno reciben 600 por unha liberación dun cuarto de xornada.

Diñeiro para o pago de xuros

Outra das cuestións que se debaterá na comisión de contas deste xoves e que o Goberno pretende aprobar no pleno da vindeira semana é unha modificación de crédito que permita destinar 20.000 euros ao pago de intereses dos prestamos asinados polo Concello, en especial do contraído hai poucos meses por algo máis de 800.000 euros para o pago de facturas atrasadas a un cento de provedores, así como outros 2.000 a “actos e actividades deportivas”.

A proposta do Goberno é obter estes fondos retirando 10.000 euros da partida de soldos dos órganos de goberno, 8.000 da instalación de carpas na Festa do Marisco, 2.000 da partida destinada a “actividades complementarias” destas xornadas gastronómicas e outros 2.000 máis da correspondente a “gastos de representación” da festa.

O crédito para o pago a provedores xa obrigara en xuño a outra modificación de crédito, coa que se dispuxeron 13.000 euros para o primeiro dos dous pagos de intereses que o Concello tiña que acometer neste 2012.

No hay comentarios: