jueves, 19 de mayo de 2011

O PP promete o “auditorio do mar”

Artigo publicado en todogrove.com

O candidato á Alcaldía do Partido Popular, Miguel Ángel Pérez, anunciou no mitin central desta formación, que si o seu partido retorna á Alcaldía apostarán pola construción dun auditorio na zona portuaria, un proxecto que definiu como “máis serio, máis crible e máis ambicioso” que a compra do cine O Marino que anunciou o actual alcalde.

No acto que na tarde do mércores abarrotou a rúa Pratería, Pérez asegurou non crer no anuncio efectuado días atrás polo actual rexedor, José Antonio Cacabelos, para a compra dun inmoble, o cine O Marino, que “non cumpre as máis mínimas condicións” para converterse no ansiado auditorio, ao non ter accesos nin fachada, engadiu.

Pola contra, o seu proxecto de construción desta infraestrutura na zona portuaria permitirá dotar a esta instalación da “fachada máis fermosa: o mar”, e desenvolver un proxecto “máis ambicioso”, que ademais se poderá levar a cabo “sen hipotecas”, posto que solicitará a Portos de Galicia a cesión gratuíta dos terreos no que se asentará o devandito “auditorio do mar”.

Tamén abordou o tema do auditorio neste acto electoral o presidente da Deputación Provincial e do PP provincial, Rafael Louzán, quen asegurou que xa mantiveron conversas, que “van a ser definitivas”, co presidente de Portos, José Manuel Álvarez Campana, e este xa lles amosou o seu “compromiso” para poder levantar no porto o que será “probablemente o auditorio máis bonito da Ría de Arousa”.

Louzán destacou o compromiso da institución que preside con esta obra ao tempo que tamén salientou que o PP non quere “máis despilfarros” e criticou a aposta de Cacabelos por investir 700.000 euros “máis impostos” nun edificio que levará aos veciños a “entrar pola porta traseira”, cando estes merecen “entrar pola porta grande”.


A imaxinación de Cacabelos

Pérez amosouse moi crítico na súa intervención cos actuais responsables dunha administración que el dirixira entre 1999 e 2007, un Goberno “que non convence nin aos veciños nin aos seus propios membros posto que están constantemente a pelexar”, e que ademais non foi quen de levar adiante os “proxectos que definiron como prioritarios e inescusables”. Neste punto fixo especial mención á aprobación do PXOM, que centrará co devandito auditorio os principais esforzos do seu partido no caso de gañar as eleccións e que foi o “motivo” polo que se creou o cuadripartito que “de seguida fracasou”.

O candidato popular asegurou tamén que os proxectos do actual Goberno “só existen na imaxinación” de Cacabelos, e destacou que foi desde a chegada do PP á Xunta cando “comezou a moverse algún deles”, como o pavillón de deportes, a ampliación do porto do Corgo ou a reforma do colexio Rosalía de Castro.


“Non queremos pactos con ninguén”

Por outra banda, Rafael Louzán destacou na súa intervención que o PP é un partido que “promete e cumpre” e reclamou para a candidatura local a maioría absoluta, posto que, asegurou, non queren “pactos con ninguén”.

“Somos o único partido que se presenta para gañar as eleccións, o resto fano para ver si o PP non alcanza a maioría”, engadiu o presidente do ente provincial, quen acusou ao actual goberno, ao que definiu coma un “club de perdedores”, de “enganar aos veciños de maneira sistemática”.

Unha vez máis, o responsable provincial do PP volveu criticar a actitude de “confrontación permanente” do actual alcalde, do que “ao final quen sae prexudicado son os veciños” do Grove, opinou. Louzán definiu a Cacabelos como un “novato na política” e asegurou que mantén unha boa relación con todos os rexedores da comarca agás con el, o “único que maltratou á institución á que represento”.

Por outra parte, o presidente do ente provincial tamén fixo repaso dunha serie de obras que este ente está ou ten previsto acometer no municipio, como as incluídas no Plan de Investimentos –das que asegurou que “probablemente algunhas delas non foran moi necesarias” pero que explicou que foron as que lles solicitaron desde o Concello­ ou o acordo ao que chegaron co cabido para sufragar o 70% das obras de remodelación da sede da Confraría de Pescadores de San Martiño.

Faltou Nuñez Feijóo

Ao mitin central do PP grovense, que comezou con vinte e cinco minutos de retraso, non acudiu como estaba previsto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen suspendeu parte da súa axenda deste mércores por mor do accidente que sufriu unha traballadora do partido nun acto electoral celebrado en Pontevedra, como explicou Louzán.

Quen si acompañou a Pérez e a Louzán foi o número dous da lista popular no Grove, Juan Luis Callón, quen reclamou a maioría absoluta do PP para que O Grove non perda a “carreira competitiva” con outros concellos da zona, como Cambados, Sanxenxo ou Ribadumia, gobernados por maiorías deste partido.

No hay comentarios: