martes, 17 de mayo de 2011

O PP aposta polo medio ambiente e propón crear un xardín botánico e soterrar os colectores

Nova publicada no Diaro de Arousa
O Partido Popular de O Grove fixo públicas na xornada de onte as propostas que inclúe a agrupación no seu programa para o medio ambiente. Así, unha das actuacións que os populares queren levar a cabo se chegan ó Goberno local é a de crear o bosque “Conde do Grove”, un xardín botánico, en colaboración coas comunidades de montes para potenciar a biodiversidade de especies autóctonas e alóctonas.

Por outra banda, dende o PP consideran necesario promover o incremento de colectores soterrados nas dúas parroquias, así como aumentar os de reciclaxe para chegar a todos os veciños.

Do mesmo xeito, os populares apostan pola creación dunha ruta homologada de senderismo dende Meloxo ata a lagoa Bodeira, así como potenciar as existentes e o parque forestal da Illa da Toxa.

En relación co punto limpo, dende o PP consideran necesario potencialo, así como realizar novas campañas de concienciación ambiental destinadas ós habitantes do municipio. Do mesmo xeito, tamén propoñen sensibilizar ós veciños sobre o aforro enerxético e o uso racional da enerxía a través de plans de concienciación.

Por último, en relación co medio ambiente, o Partido Popular de O Grove aposta pola rexeneración ambiental da área ecolóxiga de Rons, por elaborar un mapa de ruidos, por realizar un programa de actividades de carácter ambiental estable ó longo do ano, por potenciar o complexo intermareal Umia-O Grove, por levar a cabo actividades nos centros escolares e por crear a “Semana Verde” para achegar os veciños ó desenvolvemento sostible e ó patrimonio natual do municipio a través de actividades e eventos relacionados coa temática ambiental.

Outro apartado do programa do Partido Popular de O Grove é o relativo a Servizos Sociais e Familia, no que propoñen reforzar e implementar unha política activa a través dun proxecto estable de dinamización do Centro da Terceira Idade, co obxectivo de facilitar o acceso ós maiores a diversas actividades dirixidas a mellorar a súa calidade de vida.

Outra das propostas do PP grovense é a de continuar traballando na mellora do servizo de asistencia domiciliaria e na aplicación da Lei de Dependencia.

Por outra banda, propoñen levar a cabo asistencia, orientación e información permanente e actualizada dende os Servizos Sociais do Concello, así como equipar e acondicionar os locais sociais e veciñais con mobiliario, equipos, apertura e actividades de animación cultural.

Finalmente, na parte do programa na que os populares falan dun municipio sen barreiras, apostan por recuperar o programa de promoción da inserción laboral das persoas con discapacidade.

Do mesmo xeito, consideran necesario establecer programas de formación específicos, así como liñas de axuda ó mantemento dos colectivos con necesidades especiais.

Ademais, dende o Partido Popular de O Grove propoñen crear plans de accesibilidade nas rúas, nos edificios públicos e nos centros educativos para que as persoas con mobilidade reducida poidan atopar edificios e rúas sen ningún tipo de barreiras arquitectónicas.

No hay comentarios: