sábado, 4 de febrero de 2012

O ciclo 6 meses, 6 motivos preséntase no “interesantísimo” marco da feira Xantar

Noticia publicada en todogrove.com

Estas novas xornadas gastronómicas foron o eixo da presentación do Grove que na mañá deste venres acolleu o Salón Galego de Gastronomía e Turismo Xantar, un evento ao que o Concello do Grove acudía por primeira vez, e ao que semella que volverá, segundo se desprende das palabras do alcalde, Miguel Ángel Pérez, que o definiu como “interesantísimo”.

Acompañado polos presidentes da Asociación de Hostalería, Jaime Devesa, e do Centro de Iniciativas Turísticas, José Manuel González Benavides, o primeiro edil grovense ofreceu nesta feira que se celebra en Ourense unha rolda de prensa na que repasou boa parte da oferta turística do Grove, poñendo especial énfase na gastronomía.


Neste punto, máis alá de facer alusión aos principais eventos gastronómicos do municipio, como son a Festa do Marisco e as Xornadas de Exaltación da Centola, a comitiva grovense puxo o seu foco na promoción de 6 meses, 6 motivos, un novo ciclo que comezará a súa andaina en febreiro, e que xa fora presentado días atrás en Fitur.

Esta nova iniciativa, que se desenvolverá en diferentes restaurantes do municipio entre febreiro e xullo, contempla a celebración de seis ciclos gastronómicos dedicados á diferentes produtos. O primeiro será o linguado, protagonista das xornadas programadas do 17 ao 26 de febreiro. Tomaranlle o relevo, entre o 16 e o 25 de marzo, o polbo, as luras e a sepia; mentres que do 20 ao 29 de abril chegará a quenda dos “pescados de rocha”, dos guisos e das caldeiradas. Xa en maio, celebraranse, entre o 18 e 27, as xornadas dedicadas a mexillóns, navallas, ostras e berberechos; e do 15 ao 25 de xuño, tocará centrarse no peixe azul, as sardiñas, o xurelo e a cabala. Finalmente, este ciclo chegará ao seu remate coa quenda dos “arroces de mar”, do 6 ao 16 de xullo.

Tralo remate desta presentación, Pérez destacaba a “cantidade de medios de comunicación” cos que se atoparon en Expourense, moitos deles especializados no mundo da gastronomía, polo que o alcalde salientou como “moi interesante” a labor de promoción realizada nesta feira á que o Concello do Grove acode por primeira vez, converténdose nun dos 133 expositores presentes na súa décimo terceira edición, que arrincou o pasado mércores e se celebrará no recinto feiral ourensán ata o próximo domingo.

Ademais de ser interesante pola cantidade de medios, e polo “moito público” que está a pasar nestes días por Expourense, Xantar constitúe tamén unha boa plataforma de promoción para 6 meses, 6 motivos, ao ser estas unhas xornadas gastronómicas que buscan atraer un turismo de proximidade. E nese ámbito, os ourensáns –“unha xente que visita moito O Grove”, como recalcaba Pérez– son un destinatario apropiado.

A primeira de moitas?

Máis alá da polémica xurdida en 2011 polo feito de que se empregara o nome da Festa do Marisco nesta feira sen o consentimento do Concello, o certo é que esta é a primeira presenza do Grove en xantar. E non parece que vaxa a ser a última.

“Case seguro que o ano que vén repetiremos e incluso dunha forma máis ambiciosa”, salientaba Miguel Pérez. Non se pode descartar pois, a tenor das verbas do alcalde, que na próxima edición desta feira O Grove non só conte cun posto no que dispensen información turística como este ano, senón que incluso sexa un dos destinos turísticos que ofrece menús nos restaurantes instalados nestas xornadas en Expourense, como fan na presente edición Puebla de Sanabria, Viana do Castelo, Xaén, Bueu ou A Guarda.


E ata levaron un premio

Tan positiva resultou esta primeira visita que Pérez ata tivo que recoller un premio en Xantar. Concretamente o terceiro premio do II Concurso de Cartaces de Festas Gastronómicas de Galicia, que grazas á imaxe da vindeira edición da Festa do Marisco, o primeiro edil recolleu esta tarde de mans da directora xeral de Comercio, Nava Castro.


Recoñecemento a D´Berto

O acto deste venres non foi o único no que O Grove estivo presente nestes primeiros días de Xantar. De feito, un dos eventos da xornada inaugural foi a entrega dun recoñecemento a unha serie de restaurantes galegos que contan coas reputadas distincións que supoñen as Estrelas Michelin e o Soles Repsol.

E entre a decena de restauradores homenaxeados atopábase un representante da gastronomía meca, Alberto Rodríguez, responsable de D´Berto, o restaurante de Teniente Domínguez que rexenta xunto coa súa irmá Marisol.

Tamén figuraba entre a lista de restauradores premiados o responsable do Culler de Pau, Javier Olleros, aínda que finalmente este non puido acudir ao evento, segundo informaron desde Expourense.

No hay comentarios: