domingo, 22 de enero de 2012

Rematadas as obras que conectan o CEIP Conminiño coa rede xeral de auga

Noticia publicada en todogrove.com

O Concello do Grove anunciou a finalización das obras de conexión deste colexio coa rede xeral de auga, que permitiron rematar co “perigo” que podía supoñer para a saúde do alumnado o consumo de auga debido ao deterioro do deposito existente.

Segundo informou o Concello nun comunicado, estas obras foron executadas na primeira quincena do presente mes e supuxeron o investimento de 10.000 euros. Con elas, o alcalde, Miguel Ángel Pérez, e a concelleira de Educación, Laura Besada, deron resposta ao “compromiso adquirido” coa directiva e a ANPA do centro.

Segundo relatou Educación nun comunicado, estes colectivos “levaban anos denunciando” o “perigo” que para a saúde do alumnado podía supoñer consumir a auga que ata o de agora se almacenaba nun “deteriorado” depósito de poliéster, xa que este “non garantía” a súa.

A actuación realizada permitiu conectar o centro coa rede municipal, evitando deste xeito o uso deste depósito, o que non só permite lograr un subministro “mellor e de calidade” senón tamén aforrar, xa que se elimina o funcionamento dos dous motores que ata o de agora bombeaban auga ata o devandito depósito.

A principios do presente curso, Pérez e Besada reuníronse con ANPA e dirección do centro para abordar esta problemática, e comprometéronse a executar esta obra “tan pronto os orzamentos o permitisen”, o que finalmente a converteu na primeira obra executada polo Concello en 2012, levada a cabo antes da propia aprobación das contas do ano.

Outras melloras

Por outra banda, o Concello tamén actuou nestes días na sala de psicomotricidade do Conminiño, onde se solucionaron os problemas que a humidade xerara na súa tarima e se aumentou o número de focos de luz. Tamén se eliminaron as vallas rotas e oxidadas que se atopaban na parte traseira do recinto, xa que, como explicou a Concellería, “non tiñan ningunha función” e ademais supuñan “un perigo” para os escolares

No hay comentarios: