Co obxectivo de “potenciar a calidade de vida da poboación mediante a eficiencia na xestión dos recursos humanos”, a Concellería de Persoal impulsou nos últimos meses unha serie de accións que tiñan por obxecto obter unha maior “eficiencia” no relativo á labor do persoal do Concello.
Explicou Callón que a súa chegada ao Concello atopouse “cunha situación practicamente caótica no tocante á organización do traballo e goce de permisos e licencias dos traballadores públicos”. Ademais, o concelleiro tamén asegurou ter comprobado que nos últimos tres anos as empresas contratadas para facer os exames de saúde aos traballadores do Concello non os levaron a cabo, polo que desde O Corgo optouse por cambiar de empresa nos contratos do concerto de servizo de prevención e do concerto do servizo de prevención alleo de riscos laborais. Así mesmo, Callón informou tamén que despois de tres anos sen os “preceptivos exames de vixilancia da saúde”, estes volverán realizarse no vindeiro mes de xaneiro.
No tocante aos permisos, Callón emitiu unha serie de instrucións co obxecto de regular, sen “conculcar en ningún momento os dereitos do persoal”, o uso dos días de asuntos particulares e os períodos mínimo para gozar das vacacións, posto que considera que existía unha “certa ausencia de criterios comúns” xa que entende que as normas nas que estaban recollidos estes dereitos non eran de todo “diáfanas” e deixaban certo marxe á interpretación.
Desde agora, os empregados do Concello deberán solicitar un mínimo de cinco días naturais cando queiran gozar das súas vacacións, ás que non poderán acumular os días de asuntos particulares, que deberán ser utilizados no ano natural ao que corresponden, ao igual que o seu goce deberá ser compatible co funcionamento dos diferentes servizos.
Outras medidas adoptadas polo novo Goberno en materia de persoal foron o deseño e implantación dun “sistema de alertas” que, segundo explicou Callón, facilitará aos empregados públicos o acceso á información dos diarios oficiais a través do correo electrónico; ou a adhesión ao Plan de Formación da Deputación de Pontevedra para empregados públicos, co que se pretende “minimizar as correspondentes deficiencias nos diferentes servizos”.
Tamén se procedeu a iniciar un novo proceso negociador cos representantes dos traballadores para proceder á renovación do convenio colectivo polo que se rexe o persoal laboral; e o acordo regulador que afecta aos funcionarios; despois de que ambos foran prorrogados desde 2009.
Outras medidas en camiño
Ademais das mencionadas, desde a Concellería de Persoal tamén se atopan traballando nun plan de consolidación do persoal interino, que Callón definiu como unha “reivindicación histórica” dos representantes dos traballadores. Segundo explicou o edil, o seu obxectivo e comezar a sacar a concurso unha serie de prazas que veñen sendo ocupadas mediante interinidades nos últimos anos.
Por outra banda, outra das medidas que Callón pretende poñer en marcha é a implantación dun sistema de control horario para un persoal que defendeu como “xente cumpridora”, pero que se atopa “diseminado” nos seis centros de traballo dos que dispón a administración local. A súa posta en funcionamento atópase agora pendente de atopar unha serie de “solucións técnicas” que permitan integralo nos programas informáticos xa existentes no Concello.
No hay comentarios:
Publicar un comentario