A primeiros do mes que andamos o alcalde do Grove convocou unha xunta de portavoces para dar conta do estado no que se atopan os traballos do PXOU e adiantarlles as previsións de traballo no mesmo para os próximos meses. Ao tempo invitou a todos os grupos a participar da elaboración do mesmo e solicitoulles a máxima implicación de cara a acadar definitivamente este ansiado documento.
Ante a vontade do goberno ofrecendo participación e a receptividade dos grupos da oposición que mostraron a súa dispoñibilidade para elo, topámonos días despois nos medios de comunicación cunha resposta por parte do voceiro do PSOE que non ten nada que ver co que na xuntanza expresou e invita a pensar que a participación do seu grupo neste tema vai ser obstrucionista e nada construtiva.
Non pretendiamos recordar cal foi o bagaxe do Sr. Cacabelos con respecto do PXOU no seu mandato porque todos os veciños do Grove o coñecen: cero. De todos é coñecido que durante catro anos ese tema estivo pechado nun caixón aínda que nalgúns momentos compañeiros do goberno solicitáronlle sacalo adiante topándose sempre coa súa negativa.
Sorprende agora que se descolgue con declaracións arrogándose un traballo que non fixo e sorprende máis que se pronuncie reivindicando o anterior PXOU (o aprobado inicialmente) que tanto denostou.
Sendo conscientes do problemático que é este traballo dende todos os ámbitos (técnico e político) e aínda a risco de que xa esteamos a observar movementos que indican o interese dalgún grupo político en utilizalo “retorcidamente” para sacar algún rédito electoral, este goberno vai actuar con responsabilidade e traballará sen descanso para sacar este tema adiante.
Nin vamos a entrar en xogos descalificatorios nin permitiremos que este documento de vital importancia para O Grove sexa a arma arroxadiza que algúns pretenden. Para elo vamos a actuar coa máxima claridade e a máxima responsabilidade. Así o solicitamos o día da xuntanza a todos os portavoces da Corporación e así esperamos que actúen.
A quen se atreve a dicir que “estamos a desfacer todo o avanzado no anterior mandato” e que “non damos participación” non vamos a contestarlle; invitámolo a que mire para atrás, que reflexione sobre o tempo perdido, sobre as gratuítas e inútiles afirmacións que está a facer. Invitámolo iso si, a que ese esforzo o gaste de xeito máis produtivo, en facer propostas que enriquezan o documento e traballar codo a codo con este goberno pola mellor vila que poidamos ofrecerlle aos nosos veciños.
Quen non queira facelo así está no seu dereito, tan só lle pedimos que nos deixe traballar aos demais e que non obstaculice a quen quere traballar polos seus veciños asumindo os compromisos que adquirimos ao ser elixidos. Estes, (os veciños) serán ao final quen xulguen si vale a pena traballar e ir acadando obxetivos ou ver pasar os anos en continuas liortas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario