sábado, 4 de junio de 2011

Deputación e Femcotur asinan un convenio por un importe de 150.000 euros

Nova e fotografías publicadas en todogrove.com

A Deputación asinou hoxe, a través do seu presidente, Rafael Louzán, un convenio de colaboración coa Federación de Empresarios Comercio e Turismo do Grove que terá por obxecto a adecuación do local social desta entidade presidida por José Besada

A entidade provincial destinará a esta actuación unha subvención de 150.000 euros e será a encargada de licitar as obras. Pola súa banda, a Federación deberá poñer a disposición da Deputación as instalacións para proceder á súa remodelación; así como solicitar a licenza municipal de obra. A maiores, o colectivo quedará comprometido a través deste convenio a poñer a disposición da entidade provincial estas instalacións no caso de que as precise para celebrar calquera evento.

Rafael Louzán aseverou que este local «será o centro económico neurálxico do Grove e servirá para xerar emprego, emprender iniciativas novidosas que dean un maior atractivo e valor engadido á vila e tamén, incentivar a formación entre os profesionais do sector». Do mesmo xeito aplaudiu a fusión das antigas entidades de turismo e comercio da vila (Centro de Iniciativas Turísticas, CIT; Emgrobes e Asociación de Hostalería) que «sabiamente decidiron unir sinerxías e aglutinar esforzos para obter mellores resultados e optimizar tamén os custes».


Por outra banda, Rafael Louzán, fixo hoxe efectiva a entrega dunha colaboración económica de 25.000 euros á Emgrobes que terá por obxecto a colocación dunha escultura do insigne personaxe do caricaturista Gogue en Faro de Vigo, Floreano.

O proxecto consiste na realización dunha estatua tamaño real de Floreano, a instalar na Praza de Arriba, a carón da casa natal do seu creador. O escultor da estatua que está xa en proceso de construción é Lucas Míguez, un dos máis representativos e internacionalmente coñecidos da comarca do Salnés.

Para Louzán a construción dunha estatua de Floreano «será un atractivo turístico máis para a vila do Grove ademais de profundizar na interrelación necesaria que debe existir entre o mundo da empresa e a da cultura».

Finalmente e aproveitando a súa presenza no Grove, o presidente da Deputación entregoulle a colaboración económica por importe de 5.000 euros que anualmente recibe da Deputación o Club de Remo Amegrove. Tamén o Club Náutico San Vicente do Mar recibiu neste acto unha achega económica

No hay comentarios: