Nova publicada en todogrove.com
A Concellería de Educación está a manter unha serie de xuntanzas coas directivas dos diferentes centros escolares e asociacións de nais e pais do alumnado do municipio co obxectivo de coñecer as súas necesidades e “establecer as primeiras liñas de actuación”.
“Somos conscientes de que o final das clases é inminente, pero queremos aproveitar a ocasión para presentarnos á comunidade educativa e, sobre todo, escoitar todo o que queiran trasladarnos”, salientou a nova responsable deste departamento do Goberno local, Laura Besada, quen xa mantivo as súas primeiras reunións como concelleira coas ANPAS dos colexios Valle Inclán, Rosalía de Castro e As Bizocas. Estes encontros continuarán nas xornadas de luns e martes coas asociacións do colexio de Conminiño e do centro de preescolar do Monte da Vila.
Por outra banda, Besada ten previsto manter tamén unha serie de xuntanzas coa dirección dos centros escolares, unha rolda que este luns iniciou en Rosalía e Conminiño, a onde acudiu acompañada polo alcalde, Miguel Ángel Pérez.
Destaca a concelleira o “especial interese” destas xuntanzas, posto que este xoves visitará O Grove o xefe territorial de Educación, César Pérez, para tratar, entre outras cuestións, o estado das obras de mellora do colexio Rosalía de Castro e a demanda dos pais e nais de poder optar á xornada única.
As xuntanzas coa directiva dos centros continuarán este martes no CEIS e IES das Bizocas, no CEIP Vallé Inclán e no IES Monte da Vila, segundo informou Educación nun comunicado.
No hay comentarios:
Publicar un comentario