martes, 21 de junio de 2011

DESPOIS DE CATRO ANOS, O PUNTO DE LECTURA LENDO-ESPERO DO CENTRO DE SAÚDE VOLVE A ESTAR OPERATIVO

O obxectivo é facilitar o acceso ós libros en situacións non frecuentes, aproveitando neste caso o tempo de espera

O Grove, 21/06/2011.- A Concellería de Novas Tecnoloxías, Documentación e Patrimonio, que dirixe Alexandre Aguín, volve a poñer en funcionamento o punto de lectura Lendo-Espero, no Centro de Saúde, que levaba inactivo desde hai catro anos. A principios desta semana, o concelleiro púxose en contacto co Xefe de servizo do Centro de Saúde para ver as posibilidades de retomar o servizo, ao que accederon inmediatamente por consideralo de interese para o centro e para tódolos grovenses. Así, esta mesma mañá o persoal da Rede de Bibliotecas do Grove preparou os libros e reinstaurou o punto de lectura, que volve a estar operativo desde este momento e atendido polo persoal técnico das bibliotecas do Grove.

Lendo-Espero é un campaña de dinamización lectora que consiste na instalación dun posto de lectura, dependente da Rede de Bibliotecas do Grove, no Centro de Saúde. O proxecto está enfocado a que os nenos e nenas teña a posibilidade de achegarse á lectura e aos libros aproveitando o tempo de espera na consulta do médico. O tempo que deben agardar os nenos e nenas na sala de espera faise longo, polo que ter un libro próximo pode resultar moi agradable, formativo e divertido. Esa é a principal finalidade desta campaña permanente: o acceso ós libros en situacións non frecuentes, aproveitando neste caso o tempo de espera.

























A campaña fora solicitada a finais do 2006 e posta en funcionamento no ano 2007. Pero, a partir de xullo de 2007 quedou totalmente abandonada. Dende entón, este tema foi levado a pleno en varias ocasións, sen conseguir ningunha atención e resposta por parte do concelleiro responsable por aquel entón, Antón Mascato.

No hay comentarios: