martes, 28 de junio de 2011

A concelleira de Comercio e Mercados reúnese coa Asociación da Praza de Abastos

A concelleira de Comercio e Mercados do Concello do Grove, Marta Domínguez, mantivo unha reunión coa Asociación da Praza de Abastos do Grove (APAG), unha primeira toma de contacto para presentarse oficialmente, coñecer o funcionamento da asociación e mostrar a súa colaboración coa entidade. Ademais, aproveitou o encontro para escoitar os seus proxectos e iniciativas. Nos próximos días, a concelleira visitará coas integrantes da dita asociación a praza de abastos co fin de coñecer máis polo miúdo a situación do edificio e presentarse ao resto de praceiras.

Outra das cuestións abordadas na reunión foi o restablecemento da Mesa Local de Comercio. O obxectivo desta mesa local, na que están representados o Concello do Grove, a Consellería de Economía e Industria, Emgrobes, APAG e a Asociación de Consumidores, é lograr un maior dinamismo e modernización do comercio, fomentar un debate plural e eficaz entre os axentes económicos e a Administración, así como un espazo consultivo e de coordinación local co obxectivo de consensuar as políticas municipais para a promoción da actividade comercial local. Marta Domínguez explicoulles que xa están modificados os nomes dos representantes da Administración, punto que se aprobou no Pleno extraordinario convocado a semana pasada. A Mesa Local de Comercio convocarase unha vez que a oposición nomee a persoa que a represente.

No hay comentarios: