Nova publicada en Todogrove.com
O presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez Campana, acudiu esta tarde a Meloxo para presentar aos integrantes do Club de Remo Amegrove os bosquexos do que podería ser o seu pavillón a finais do vindeiro ano. O ente autonómico trasladou aos presentes tres propostas, sendo escollida “por aclamación” a estrutura máis “futurista”.
Texto: I. Rodríguez. Fotos e vídeo: M. Muñiz
Álvarez Campana acudiu esta tarde á sede da cooperativa Amegrove para presentar aos integrantes do Club de Remo Amegrove as tres alternativas que o ente autonómico baralla para construír en Porto Meloxo a sede deste club, unha iniciativa que o presidente do ente público enmarcou dentro do seu proxecto de renovación do espazo portuario O Corgo-Meloxo, e que podería verse convertida en realidade a finais de 2012.
A través duns paneis, este ente adscrito á Consellería do Mar amosou aos asistentes tres propostas, dúas estruturas dunha única planta e outra de dúas alturas. Unha delas correspondía a un bosquexo realizado dende o Concello, e as outras dúas as alternativas presentadas por portos. Desta volta non houbo problemas para decidirse. A resposta foi unánime, todos os alí presentes –entre eles o concelleiro de Deportes, Alfredo Bea, e o voceiro do PP local, Miguel Ángel Pérez–, levantaron a man para deixar claro que preferían o que Álvarez Campana chegou a definir con humor como unha “nave espacial”, unha estrutura de planta baixa e aspecto futurista de 1.500 metros cadrados de superficie útil e grandes vanos, que se levantaría ao carón da praia de Meloxo.
Segundo explicou Álvarez Campana, a construción deste pavillón suporá un investimento próximo aos 800.000 euros –posteriormente, Portos elevouno nun comunicado a 1,1 millóns de euros–, que será asumida directamente por Portos, que posteriormente cederá o uso deste edificio a Amegrove a través dunha concesión. O presidente explicou aos asistentes que, ao estar proxectado este edificio nuns terreos que xa son do seu dominio, tras elixir hoxe o “deseño máis atractivo”, os técnicos de Portos poden comezar inmediatamente coa redacción do proxecto construtivo, para a que se creará un grupo de traballo co obxectivo de acordar con Amegrove a distribución dos espazos interiores da súa futura sede.
Estas labores de redacción poderían estar rematadas nun prazo de tres meses, polo que Portos agarda poder iniciar á licitación da obra no vindeiro verán. Este proceso estenderase por un período de seis meses, e a posterior construción debería levar outros dez meses máis, así que Álvarez Campana estimou hoxe que as obras poderían estar concluídas a finais de 2012.
Unha vez rematado un edificio co que se lle pretende tamén facer unha “achega positiva á paisaxe do entorno”, Portos cederá estas instalacións da súa titularidade a Amegrove a través dunha concesión. Como explicou Álvarez Campana, este tipo de operacións están dirixidas a recuperar a inversión realizada, pero como a actividade deste club esta bonificada nun 90 por cento, Amegrove só tería que rematar pagando co paso dos anos o 10 por cento do total da obra.
Un atractivo turístico
Dende o primeiro momento, os asistentes amosaron a súa predilección pola opción finalmente escollida, unha estrutura que Álvarez Campana chegou a cualificar como “de concurso” e da que o director deportivo de Amegrove, Diego Portela, salientou o seu “atractivo” dende o punto de vista turístico.
Por si fose pouco, no panel alí instalado por Portos podíase ler que esta intervención “a través da súa rotunda morfoloxía, enfatiza o entorno no que se asenta creando un remate á enseada e marcando un fito na costa, contribuíndo ao enriquecemento do espazo costeiro de Meloxo”. De feito, ata houbo espazo para metáforas arquitectónicas: “o conxunto adquire a imaxe de dous cetáceos varados na costa”, tamén se podía ler.
Fotografía procedente de www.todogrove.com
Dende o punto de vista funcional, os usos desta construción de 1.540 metros cadrados estarán agrupados nos dos volumes que nela se proxectan. O corpo principal albergará as instalacións deportivas e de servizos (foso de adestramento, ximnasio, salas de fisioterapia e concentración, salón social e salón de trofeos), mentres que o secundario irá destinado ao almacén de embarcacións e a un taller.
Álvarez Campana, mestre de cerimonias
Hoxe, o presidente de Portos deixou claro na sede de Amegrove que ten certo don de xentes. Comezou amosando uns paneis a un grupo de persoas alí sentadas, invitándoos a opinar e participar. Minutos despois, xa case que ninguén estaba sentado, e Álvarez Campana seguía exlicando os detalles dos proxectos no medio do grupo que rodeaba os paneis.
Chegados ao momento de facer público unha decisión que xa parecía cantada dende o primeiro momento, Álvarez Campana sacouse da manga a David Fandiño, un cativo de dez anos, que ía ser o encargado de expresar aos presentes que fóra o que decidiran. O primeiro que deixou claro o presidente de Portos é que xa falaran de deixar un oco no novo pavillón para unha sala de xogos, e logo invitou a xente á votar a man alzada, ao tempo que tamén advertía que votasen o que votasen, íase facer o que xa acordaran David e máis el. Todo o mundo levantou a man chegada a opción tres. pero como xa deixara claro o presidente de Portos, íase facer o que David e el decidiran. Así, o protagonista inesperado expresou o seu rotundo “non” ás opcións unha e dúas, pero tamén se lle escapou esa mesma resposta na tres. “Oitocentos mil euros que nos aforramos grazas a David”, concluíu con humor Álvarez Campana
No hay comentarios:
Publicar un comentario