sábado, 19 de marzo de 2011

Miguel Pérez reclama a maioría absoluta fronte ao “peor goberno da democracia”


Nova publicada en Todogrove.com

O líder do PP grovense deuse esta mañá un auténtico baño de masas nunha ateigada Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, onde se celebrou o acto de presentación da súa candidatura á alcaldía, no que solicitou a maioría absoluta que o devolvería a alcaldía arroupado polos presidentes autonómico e provincial do seu partido, Alberto Nuñez Feijóo e Rafael Louzán.

Texto: I. Rodríguez
Fotos: M. Muñiz

Máis de trescentas persoas se deron cita este mediodía na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey para asistir á celebración do acto de presentación de Miguel Ángel Pérez como candidato. Non quedou nin unha soa cadeira libre no salón de actos no que tamén interviñeron os presidentes da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, e da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán. Claro que houbo que deixar bastantes asentos á plana maior do PP autonómico, que contou cunha destacable presenza neste acto pre electoral. Polo Grove pasaron esta mañá, entre outros, nada menos que tres conselleiros: Alfonso Rueda (Presidencia), Roberto Varela (Cultura) e Rosa Quintana (Mar); o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís; o vicepresidente da Deputación José Juan Durán; ou o alcalde de Cambados, Luís Aragunde.

Unha máis que ampla representación institucional para apoiar a Pérez nun acto que mantivo as constantes agardadas. Xa se sabe, defensa do realizado por uns e críticas para os outros. De feito, o candidato popular comezou a súa intervención lembrando “días mellores”, aqueles tempos nos que el era o responsable da alcaldía. Tras enumerar unha serie de actuacións pasadas, como a consecución do Obradoiro de Hostalería da Lanzada que “outros” empregan para “facer manifestacións”, Pérez centrouse en avaliar os últimos catro anos, nos que o Goberno local estivo encabezado polo socialista José Antonio Cacabelos.

“Estamos a piques de rematar o peor mandato da democracia”, concluíu, apuntando a que O Grove aínda segue sen centro de saúde ou sen un novo pavillón de deportes. Tras el, ocuparon o atril Louzán e Feijóo, que tamén puxeron énfase en denunciar a falta de actuacións do actual executivo. O responsable provincial do PP criticou os “desastres permanentes” dun Goberno que non foi capaz de “quitar nada”, da Xunta que liderou o socialista Emilio Pérez Touriño –para o Grove “un veraneante máis”–, ou do “goberno amigo” do Estado.

“Levamos catro anos aprazando as decisións, deixando para mañá o que non queremos facer hoxe”, engadiu o presidente da Xunta do tripartito local, que ten “sen facer” a día de hoxe todos os seus “grandes proxectos”. Para Feijóo, O Grove podería ter “unha das rendas per cápita máis altas de Galicia”, xa que ten ás “mellores condicións turísticas”, as “mellores condicións no mar” e as “mellores condicións para practicar os deportes que deixan máis diñeiro e emprego”. En definitiva, que “O Grove ten un futuro espléndido a pesares da crise”

A metade máis un, por favor

Pérez deixou claro hoxe o seu obxectivo nestas eleccións: que o PP logre a primeira maioría absoluta da historia do Grove. Instou aos veciños e veciñas a elixir entre o “equipo homoxéneo” do “único partido transversal que representa os intereses da maioría” e “tres ou catro equipos con tres ou catro alcaldes que nunca se entenden, máis preocupados en facerse ver que en darlle solución aos problemas dos veciños”.

Máis contundente se amosou ao respecto Rafael Louzán, quen salientou a importancia de que o Grove conte cun “único goberno e un único líder” fronte a uns “experimentos” que, na súa opinións, os veciños e veciñas “non queren”. O presidente do PP pontevedrés considerou “imprescindible” acabar coa “máxima” de que “os que perden gobernan” xa quen “non é xusto nin razoable”, e por iso esixiu un cambio da lei electoral.

O presidente de Xunta deixou de lado na súa intervención calquera mención a reformas lexislativas, pero si deixou claro o seu desexo dunha maioría absoluta, porque o que agora hai no Grove nin sequera é un Goberno, é “unha ensalidadilla con distintos condimentos”. E claro, este prato está moi ben para “o verán cando fai tanta calor”, pero non para estes tempos de “tanto frío”. Por isto reclamou un proxecto “forte, sólido e compacto” para a vila, que pasa por devolver á alcaldía a Pérez, unha persoa a que, “cando se lle deu a oportunidade, demostrou que tiña compromisos e proxectos”. Ao final, “desgastouse”, engadiu Feijóo, ao quen considerou “moito mellor que se desgaste un Goberno a que se desgaste o Concello”.

Feijóo destacou que si Pérez logra “a confianza” da maioría “lles corresponde gobernar”, e instou ao resto de formacións políticas a que acudan a estas eleccións coas “mans limpas e os principios claros”. De feito, explicou que “para devolver a estabilidade” á vila sería preciso un “gran pacto”, que pasaría porque “o que gañe goberne”.

As respostas están no PXOM

Na súa intervención Miguel Pérez puxo énfase nas “promesas” dun “urbanismo á carta” que os partidos que agora forman o Goberno efectuaran cando el ocupaba á alcaldía e trataba de levar adiante un Plan Xeral de Ordenación Municipal. Finalmente, marchou para a oposición, e todo quedou, na súa opinión, nun “engano masivo”, nunha “tremenda irresponsabilidade que dificilmente se vai poder reparar”.

Sexa cal sexa o dano ao que aludía, Pérez tampouco tardou moito en prometer que, no caso de que retorne á alcaldía, o novo Goberno íase abordar “sen esperar máis” a aprobación dun PXOM que outorgue “as respostas que necesitamos”.

Tamén Nuñez Feijóo e Louzán puxeron énfase na necesidade de aprobar esta normativa. O presidente da Deputación formulou unha enumeración de infraestruturas que non existen no Grove por falta de terreos, ao seu entender. Infraestruturas coma unha “piscina climatizada”, un novo pavillón ou un centro de saúde. Mesmo se detivo no espazo no que se atopaba, nunha “pequena casa da cultura que non é o que O Grove se merece” para prometer entre aplausos que traballarán pola construción dun auditorio, ao tempo que invitaba ao conselleiro de Cultura a gardar uns fondos para o asunto.

Lampáns aos tribunais

Unha das actuacións do actual Goberno que máis críticas recibiu no acto de hoxe foron as reformas acometidas polo Goberno local no campo de As Lampáns, “a obra máis desastrosa que se fixo nunca neste Concello”, asegurou Pérez, quen denunciou novamente as “graves deficiencias construtivas” dun terreo que, engadiu, “vai ser carne de xulgado”.

Louzán pola súa parte, reiterou que a Deputación se ofreceu a asumir a construción deste campo de San Vicente, pero dende o Goberno “non quixeron”, asegurou, a pesares de que o ente provincial está a facer preto de 70 instalacións coma este na provincia e “non tivemos problema ningún”, mentres que neste caso “non sabemos como vai acabar a historia”.

O pouco cordial Cacabelos

En ningunha das tres intervencións que compuxeron este acto saíu en ningún momento o nome do actual alcalde do Grove, claro que a súa figura si estivo moi presente. Por exemplo, Louzán centrou o comezo do seu discurso en explicar a súa complicada relación con José Antonio Cacablos. Lamentou que “moitas veces” tiña que seguir a situación do Grove “desde a distancia”, debido a que aquí goberna un señor co que non existe a “cordialidade” que, por exemplo, teñen noutros municipios gobernados polos socialistas, poñendo como exemplo á Illa de Arousa.

“Metíase comigo, eu nunca me metín con el, para tapar as súas vergoñas”, engadiu Louzán, quen tamén asegurou que a súa resposta era “sempre” unha “man tendida”. Pero claro, Cacabelos, en “enfrontamento permanente” coa Xunta e Deputación, “equivocouse de bando”.

Porto deportivo e urbanismo “respectuoso”

O presidente da Xunta lembrou neste acto as súas épocas como conselleiro do Territorio, e aquel proxecto de ampliación do porto do Grove que presentara e polo que “calquera concello razoable apostaría”. Mais, os Gobernantes que chegaron despois “deixaron pasar esa oportunidade”, polo que, unha vez de volta na Xunta, expresou o seu desexo de “traer de novo esa oportunidade”. Por iso, Nuñez Feijóo louvou o proxecto de ampliación do porto recentemente presentado polo Goberno que preside, posto que, asegurou, cambiará “totalmente a economía do Grove”.

Tamén tivo un oco o presidente da Xunta para defender unha das normativas autonómicas máis criticadas polo Goberno local, o Plan de Ordenación do Litoral (POL), un proxecto que considera “respectuoso” e que contrapuxo a lei dos 500 metros do anterior Goberno, unha normativa que paralizou “toda a construción na costa galega nos momentos de maior crecemento” a través duna “liña que trazaron en Santiago”.

Mesmo tivo espazo na súa intervención para abordar o desdobramento da vía rápida, claro que desta volta non houbo promesas nin prazos, senón que se limitou a dicir que non renuncian a levala a cabo xa que a consideran “razoable”.

No hay comentarios: