jueves, 31 de marzo de 2011

A biblioteca do Grove recibe máis queixas e protestas de usuarios nestes últimos catro anos que en toda a súa existencia

O Goberno actual amosa, unha vez máis, a súa incapacidade para xestionar as infraestruturas e os servizos municipais.

A Casa de Cultura do Grove estaba en pleno desenvolvemento no ano 2007, cando chegou a nova corporación. Cambiárase a cuberta e o mobiliario da sala de estudo, pintouse, cambiárase a caldeira, mercáronse estanterías para as salas e tíñanse establecidas partidas anuais para ir facendo fronte ao mantemento das instalacións así como á renovación paulatina do mobiliario (máis estanterías, mobiliario para a sala infantil...)... No eido dos servizos prestados tamén se fixeron importantes avances: aula de ordenadores aberta aos usuarios, rede WIFI en funcionamento, informatización dos fondos, sección de novidades actualizada tódolos meses, sección de muller, sección de audiovisuais, comunicación permanente cos centros educativos para a adquisición dos libros de lectura obrigatoria... e unha programación de animación á lectura recoñecida e premiada no Maria Moliner durante varios anos.

Pero ao actual goberno non lle gustaba o “funcionamento da biblioteca” así que decidiu darlle un importante cambio para convertela no se “produto estrella”. Decidiron reducir persoal, eliminar servizos e ampliar horario. Deste xeito o funcionamento actual da biblioteca semella máis ser o dunha biblioteca da Idade Media ca dunha biblioteca do século XXI

Como puidemos ver ao longo destes catro anos un dos maiores problemas é o horario, xa que os estudantes en numerosas ocasións se atopan coas portas pechadas sen explicación algunha. Esta situación dáse polo mero feito de que nin o concelleiro nin o alcalde queren recoñecer que se equivocaron ao ampliar horario reducindo persoal, e en troques de buscar unha solución ao problema, deciden botarse as culpas uns aos outros na prensa e, mentres tanto, os estudantes quedan na rúa

Pero ese non é o único despropósito desta Kulta corporación. Como xa dixemos en numerosas ocasións, a pesar de haber unha partida no Orzamento para a adquisición de libros para a biblioteca, o concello non destinou nin un solo euro durante estes case catro anos a adquisición de libros, nin audiovisuais. Os únicos fondos que entran proceden da Xunta de Galicia ou de doazóns de veciños, polo que xa non existe a sección de novidades e as outras seccións, incluída a de audiovisuais,quedaron obsoletas. Nin tan sequera se molestan en adquirir os libros de lectura obrigatoria dos centros de ensino para que os pais non teñan que estar a mercar los

A todo isto hai que engadirlle o peche da aula de informática desde fai máis de tres anos, a pesar de contar cuns 15 ordenadores, impresoras e escáner, e o abandono do mantemento da rede WIFI que funciona un día NON e outro TAMPOUCO.

Pero aínda hai máis. Os usuarios tamén se queixan de que durante o inverno hai semanas e incluso meses nos que non se acende a calefacción porque o goberno non autoriza a compra de gasóleo para a caldeira, polo que teñen que ir á biblioteca case coa manta eléctrica, ou de que polas paredes da sala de estudo corre a auga cando chove...

Pero si a situación por se mesma xa é escandalosa aínda é máis noxento o feito de que as partidas de cartos que constan no orzamento do concello destinadas á Casa de Cultura e libros e que poderían paliar algúns destes problemas, se gastan en anuncios de megafonía, cortinas para o pavillón, repintar doutra cor as paredes da Casa de Cultura para que luzca máis unha exposición ou libros para agasallar aos amigos, entre outras cousas variopintas.

Pero o máis preocupante é que estes catro anos de despropósitos supuxeron un enorme e preocupante retroceso nos servizos esencias da biblioteca, froito do escaso interese e respecto que o actual goberno ten pola xente do Grove.

Deste xeito a Biblioteca subsiste nunhas condicións precarias e, cada día, está máis lonxe de poder ofrecer o que marca a Lei e o que demandan e necesitan os veciños e veciñas do Grove: un horario estable, un fondo actualizado, unhas instalacións dignas e o libre acceso á cultura e á sociedade da información. .. e, sobre todo, un goberno que os respecte e se preocupe polo seu benestar

No hay comentarios: