viernes, 10 de diciembre de 2010

Pérez denuncia a “fraude” dun PXOM que parte do proxecto do seu mandato

Artigo de I. Rodríguez publicado en todogrove.com

O voceiro do PP grovense, Miguel Ángel Pérez, denunciou hoxe o “brutal engano” que o Goberno grovense está a perpetrar, asegurando que están a traballar nun novo PXOM, cando están a “dar por boa” a aprobación inicial do proxecto que quedou sen concluír no seu mandato.

O novo plan de ordenación que o Goberno que preside José Antonio Cacabelos quere confeccionar non é tal para Miguel Pérez, quen hoxe denunciou o “brutal engano” que están a acometer aqueles que durante tanto tempo ondearon “unha bandeira chamada PXOM”. O líder do PP grovense asegurou que o Goberno prevé levar a cabo, “de costas aos veciños”, este proxecto partindo da aprobación inicial tramitada no anterior mandato, cando o propio Pérez era alcalde.

O voceiro popular alertou de que no contrato que o Concello asinou co novo equipo redactor do plan, que substituíu ao contratado na súa etapa ao fronte do Concello, non figura unha nova aprobación inicial do proxecto, senón o paso seguinte, a aprobación provisional. Polo que conclúe que non haberá un novo período de exposición pública e alegacións, senón un “roubo a man armada”.

Para o líder do PP, o Goberno pretende “saltarse todo o procedemento asinado nos contratos e subvencións”, así como tamén “todos os compromisos e promesas feitas unha vez tras outra coa cidadanía”, posto que “dende o principio” tiña a intención de “non acometer un novo proceso de exposición pública”, o que quere dicir que “necesariamente tería que dar por boa a aprobación inicial do PXOM anterior”.

Tampouco se amosa satisfeito co feito de que estes traballos non vaian a partir dun documento que foi aprobado cando el era alcalde, posto que era un “documento de máximos” que recibiu un “informe bastante duro” da Xunta e que entende que debería ser “revisado”. Non obstante, onde Pérez fai maior fincapé e no “engano masivo, sistemático e intencionado” que o Executivo local está levando a cabo.

Os manifestantes enganados

Lembra Pérez que, no seu último mandato, tras un “tremendo traballo” procederon á aprobación inicial dun PXOM, que rematou por converterse unha “arma política brutal”. Tras dous procesos de exposición pública e máis dun milleiro de alegacións, o plan rematou xerando a manifestación máis multitudinaria que se recorda no Grove nos últimos tempos. Así, nese ambiente que define como “pre bélico”, Pérez optou por paralizar os traballos ao ver “que non había o consenso necesario”, unha decisión da que agora se amosa “case convencido” de que “foi un erro”.

Non obstante, o que lamenta o líder popular é que para os partidos que por aquel entón “esforzáronse moito” en “meterlles o medo no corpo aos veciños” respecto do seu proxecto, agora resulta que “é válido” o traballo feito por uns “cafres que ían a deixar O Grove nas mans dos especuladores”, ironizou.

Así mesmo, o voceiro conservador preguntouse tamén que foi “daquel impulso que o BNG lle ía dar ao PXOM fai uns poucos meses, tratando de desmarcarse da inactividade que eles recoñecían”, e asegurou tamén que o actual equipo redactor do plan atópase “á espera de que alguén lle dea instrucións sobre o que debe facer”.

A cronoloxía dos feitos

O voceiro popular basea a súa denuncia nun longo proceso de tramitación que o Goberno que preside Cacabelos comezou en maio do 2008, solicitando ao Goberno galego unha subvención para a redacción dun PXOM. Na mesma recóllense unha serie de prazos neste procedemento, como que a sinatura do contrato coa empresa encargada da redacción levaríase a cabo en decembro de 2008; a aprobación inicial coa nova información pública en outubro de 2009; a aprobación provisional do documento neste mes de decembro de 2010; e finalmente a definitiva en abril do vindeiro ano.

En novembro dese mesmo ano, o Goberno local notifica ao Executivo autonómico a súa vontade de resolver o contrato coa anterior empresa encargada destas labores e avogan, segundo recolle Pérez, por un “documento totalmente novo”, solicitando “expresamente a redacción dun novo PXOM”. A Xunta acepta, recalcando na súa resolución tamén que se “trata dunha nova subvención para un novo PXOM”.

Nesta resposta do Goberno galego aparece outro novo marco temporal, neste caso para acometer os diferentes pagamentos. O aboamento da parte correspondente á sinatura do contrato fíxase para ese mesmo mes de decembro de 2008; a da emisión dun informe previo á aprobación inicial para novembro de 2009; a aprobación inicial para outubro de 2010; a provisional para xullo de 2011; e a definitiva para xullo de 2012.

Ao mes seguinte, xaneiro de 2009, o Concello solicita un novo axuste nos prazos da subvención concedida, seguindo sempre o relato do ex alcalde. Tres meses despois, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio fixa un novo marco temporal, tamén centrado no aboamento das diferentes partes da subvención, e que basicamente atrasa un ano todas as partes do proceso. A sinatura do contrato adíase un ata setembro de 2009; a emisión do informe previo a aprobación inicial queda situada en setembro do 2010; a aprobación inicial para o vindeiro mes de xullo; a provisional para xuño de 2012; e a definitiva para setembro de 2013.

O primeiro deses prazos levase a cabo dous meses despois do previsto, en novembro de 2009 asínase o novo contrato para a redacción do plan, no que figuran outros horizontes temporais. A presentación do documento sitúase no último trimestre do pasado ano –un mes despois da sinatura do contrato–; a aprobación provisional no segundo trimestre de 2010; e a definitiva no cuarto trimestre deste mesmo ano ao que tan só lle quedan vinte días. Nese mesmo contrato establécense as liquidacións parciais da contía pola que foron contratados –118.618 euros–, dos que percibirán o 50 por cento coa aprobación provisional, un 25 % máis “en caso de existir exposición pública”, e o outro 25 por cento coa aprobación definitiva. Mentres que no caso de que non houbera exposición, abonaríaselle o outro 50 por cento co derradeiro trámite.

Chegamos así a setembro de 2010, cando o Goberno cursa a solicitude dunha subvención complementaria, amparándose na modificación da Lei do Solo, na que se indica –novamente, segundo recolle Pérez–, que “a xunta de Goberno local acorda por unanimidade solicitar a subvención prevista na citada orde para adaptar o Plan Xeral de Ordenación Municipal en tramitación ao disposto na Lei 2/2010, sendo a última fase de tramitación do contrato formalizado a de aprobación inicial”.

Finalmente, o pasado mes de novembro, solicitan da Xunta unha nova prórroga das anualidades que quedaran fixadas en abril de 2009, o que, segundo resalta Pérez suporá, no caso de que sexa aceptada, un novo aprazamento, alongando un ano máis os prazos anteriormente fixados

No hay comentarios: