sábado, 23 de octubre de 2010

Moción do Grupo Popular Pleno de 25 de outubro de 2010

D. Alexandre Aguín Castro, como concelleiro representante do Partido Popular de O Grove, presenta a seguinte moción ó pleno do Ilmo Concello de O Grove para o seu debate e posterior votación.

Exposición de Motivos.

Dende o comezo desta lexislatura, a falta de accións concretas a prol da Cultura e da súa Concellería, estívonos preocupando seriamente e por iso lle fixemos un seguimento especial a esta materia.

A teima dende o BNG durante a anterior lexislatura instándonos a que a Concellería de Cultura fose unha materia prioritaria foi unha constante, tanto é así, que como todos sabemos, esta materia foille concedida polo Sr Cacabelos no seu pacto de goberno.

Tres anos e medio despois deste pacto, a outrahora ilusionante Concellería de Cultura, non deixou mais que promesas e desgana polo traballo.

Algo tan sinxelo como convocar as diferentes entidades e asociacións culturais, tratar as diferentes obxeccións, a actualización e publicación das Bases para Concesión de Subvencións a Asociacións i Entidades sen Ánimo de Lucro de carácter Cultural estase a converter nunha verdadeira tortura política para o Sr Mascato.

E consideramos que esta ten que ser unha tortura para Don Antón Mascato porque eu mesmo, no nome do Partido Popular de O Grove, téñolle solicitado no apartado de Rogos de Preguntas que estas bases fosen publicadas en non menos de tres ocasións o longo do 2010.

É sabido por todos os concelleiros presentes e polo resto da vila en xeral, o difícil que se está a poñer a vida para estes colectivos, xa que nos mellores tempos económicos sempre costou atopar patrocinios para as entidades sen ánimo de lucro, e agora estas empresas e os seus patrocinios están languidecendo e practicamente están desaparecidos.

A miña insistencia como representante do Partido Popular de O Grove non ven dada por un capricho, nin tan sequera por “amolar” política e persoalmente ó Concelleiro de Cultura, senón que ven dada polos problemas económicos que habitualmente sofren as diferentes entidades culturais e que o Sr Mascato se dedica a aumentar coa súa falta de apoio a estes colectivos.

Dende a celebración do pleno na primeira semana de Maio (e xa van alá 6 meses) na que lle instaba ó Señor Mascato que publicase canto antes as Bases de Subvencións Culturais, este tema xa foi tratado en tres plenos mais, e sempre se dedicou a “pasar de todo” chegando nalgunha ocasión a nin responder o noso Rogo. Pero as diferentes asociacións téñenlle pedido tanto publicamente como de maneira privada que isto saíse adiante. Tempo tivo de sobra para poder facelo.

Hoxe o Partido Popular de O Grove, trae a pleno en forma de moción o que o Sr Mascato non soubo facer como concelleiro durante os 10 meses que levamos dende que comezou o ano: O de consensuar e aprobar unhas Bases para a concesión de subvencións a Entidades a Asociacións sen Ánimo de Lucro que desenvolvan accións no eido da Cultura no ano 2010.

As bases que se presentan adxuntas a esta moción presentan unhas pequenas modificacións con respecto as do 2009, pero que en esencia seguen a ser unhas bases que o único que pretenden é repartir de maneira mais proporcional i equitativa entre as diferentes asociacións i entidades do Concello de O Grove os 30.000 euros da partida destinada a Subvencións a Entidades Culturais da que dispón os Orzamentos 2010.

Polo que solicito ó pleno a aprobación da moción e a seguinte parte dispositiva:

1.- A convocatoria no prazo 4 días hábiles, do Consello Local de Cultura, no que estean convocadas de maneira urxente as entidades e asociacións culturais inscritas no REDIM e mais os representantes dos diferentes partidos políticos con representación no Pleno do Concello.
2.- A aprobación do texto que acompaña a esta moción co título BASES E CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS A ASOCIACIÓNS E ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO QUE DESENVOLVAN ACCIÓNS NO EIDO DA CULTURA NO ANO 2010 como base da reunión citada no punto primeiro da parte dispositiva.
2.- Unha vez consensuadas estas bases, publicaranse de maneira urxente no Boletín Oficial da Provincia ou en calquera das formas previstas no art. 38.4 da Lei 30/92 de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3.- Que en tan só 15 días se resolvan as diferentes solicitudes, se estableza o seu reparto por parte da comisión cualificadora e posteriormente se aprobe en Xunta de Goberno.
4.- Que unha vez aprobado o reparto, se transfira o 50% da subvención de maneira inmediata e o outro 50% unha vez completada a súa xustificación.

Descargue as bases

No hay comentarios: