Artigo de I. Rodríguez publicado en Todogrove.com.
O concelleiro popular Fernando Meis asegurou no Pleno do pasado martes que o Concello pagou un sobreprezo de “case o dobre” nas obras de asfaltado no camiño que une Gandariña con Reboredo, unha obra que, na súa opinión, é “claramente un fraude”.
Na quenda de rogos e preguntas do longo e intenso Pleno celebrado na noite do martes, Fernando Meis retomou as obras realizadas en Gandariña-Reboredo con cargo aos fondos do Plan de Sostenibilidade do Estado, das que recentemente xa alertaran das “numerosas irregularidades” que detectaron nas mesmas. O concelleiro recordou que o proxecto contemplaba unha mellora no abastecemento de auga, pero a “tubería en cuestión non foi instalada” e melloras para facilitar a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida, “outra mentira, xa que non se creou servizo ningún”.
Por iso, concluíu que a devandita obra redúcese a un “simple asfaltado, en determinadas zonas moi defectuoso”, e cun “esperpéntico” custo. Meis recalcou que a obra conta cun presuposto de case 58.000 euros, dos que sen gastos xerais e de beneficio industrial, quedarían preto de 42.000 para asfaltar 2.700 metros cadrados. Meis botou contas e saíulle un prezo de 15,60 euros por metro cadrado, un prezo que é case o dobre no mercado, asegurou. O concelleiro popular asegurou que preguntaron a varias empresas do ramo por este custo, e estas “quedaron abraiadas”. De feito, engadiu, “unha das empresas díxonos literalmente que por ese prezo asfaltaban dúas veces”.
Ante esta situación con “certo cheiro a trapallada”, o PP grovense seguirá a investigar e non descarta emprender “outro tipo de accións”, engadiu Meis
No hay comentarios:
Publicar un comentario