1.- Recordatorio de deberes legais dirixido ao Alcalde-Presidente do Concello de O Grove, en data 5 de xuño de 2009 para que se obtivese a autorización da Delegación do Goberno con carácter previo á instalación e utilización de cámaras de vixilancia (Q/129/08).
Nesta institución abriuse o expediente arriba indicado, como consecuencia da queixa presentada o 22-1-08 por D. A.S.M., con domicilio en Santiago de Compostela, na que nos indicaba que tiveran coñecemento de que por ese concello se instalaron cámaras de vídeo vixilancia nas carpas da Festa do Marisco do ano 2007, coa supervisión centralizada no Posto de Socorro do grupo municipal para mellorar a seguridade no recinto. Tamén facía constar que con data 8-11-07 remitiron un escrito a ese concello, que non foi contestado.
Admitida a trámite a queixa, solicitouse con data 4-2-08 informe dese concello. A esta petición de informe, ese organismo contestounos mediante escrito do 21-2-08, rexistro de saída n.º 1525, o seguinte:
“En relación coa queixa formulada polo MPDC alegando que tiveron coñecemento de que este concello “instalou varias cámaras de vídeo vixilancia nas carpas da Festa do Marisco, coa supervisión centralizada no Posto de Socorro do grupo municipal, para mellorar a seguridade no recinto”, informo o seguinte:
Que as cámaras instaladas polo Concello do Grove dentro do recinto da Festa do Marisco soamente tomaron imaxes dentro do espazo privado do almacén de depósito de subministración, por razóns de seguridade das prezadas mercadorías que alí se custodiaban e nunca obtiveron imaxes do espazo destinado a acceso público ou na vía pública.
Este Concello entende que non se vulneraron en ningún caso os dereitos fundamentais da honra, a intimidade e a propia imaxe, tal como alega o colectivo que presenta a queixa.
Dado que o autor desta queixa nos participou nun novo escrito que tiveron tamén coñecemento que ese organismo local instalou ademais cámaras na Casa da Cultura e no Colexio Rosalía de Castro e que o 28 de febreiro de 2008 levaron ao pleno unha ordenanza na que lle autorice instalar as mencionadas cámaras, con data 8-5-08 dirixímonos de novo a ese concello para que se nos informase se as devanditas cámaras de vixilancia instaladas na Festa do Marisco, na Casa da Cultura e no Colexio Rosalía de Castro contaban coa autorización prevista na Lei orgánica 4/1997, do 4 de agosto.
A petición deste novo informe non se contestou por ese organismo, polo que se fixo preciso reiterarllo nas seguintes datas: 3-7-08, 19-8-08, 9-10-08. Ante a falta de contestación a estas reiteracións, procedeuse a realizar diversas chamadas telefónicas ao
Sr. secretario. Froito delas con data 3-4-09, remitíusenos un escrito desa Alcaldía no que se facía constar que nos remitían diversa documentación relativa ás cámaras de vigilancia instaladas na Festa do Marisco, Casa da Cultura e Colexio Rosalía de Castro. Entre a documentación remitida non figura ningunha referencia a se a instalación das cámaras en cuestión contaban coa autorización prevista na Lei orgánica 4/1997, do 4 de agosto, tal como lle solicitaramos no noso escrito do 8-5-08.
En relación co contido do devandito informe, hai que considerar que, segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 4/97, do 4 de agosto, as instalacións fixas de vídeo cámaras polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e das Corporacións Locais serán autorizadas polo delegado do goberno na comunidade autónoma de que se trate, previo informe da comisión de garantías da vídeo vixilancia que corresponda.
Polo tanto, de acordo co disposto na citada norma, está suxeito ao réxime de autorización non só o uso das cámaras de vídeo vixilancia senón tamén a súa instalación e segundo se deduce da información remitida por ese concello esa corporación procedeu a instalación de vídeo cámaras na Festa do Marisco, na Casa da Cultura e no Colexio Rosalía de Castro sen obter previamente a autorización para realizar a dita instalación.
Por todo a antedito, esta institución diríxese a V.S., de conformidade co establecido no artigo 32.1 da Lei do Valedor do Pobo, formulándolle o seguinte
RECORDATORIO DE DEBERES LEGAIS:
Que cando se considere necesaria a instalación de vídeo cámaras non se proceda a iniciar a dita instalación nin á súa utilización ata que non se obteña a preceptiva autorización da Delegación do Goberno.
No hay comentarios:
Publicar un comentario