Con referencia ao comunicado da señora Victoria Canoura do 26 de marzo no que atribuía as responsabilidades do considerable retroceso que sufre o concello do Grove no ámbito das Novas tecnoloxías e a sociedade de información a outras administracións queremos manifestar o seguinte:
O discurso de achacar a culpa de tódolos males do Grove a outras administración xa está un pouco esgotado polos membros do cuatripartito (actual tripartito) polo que non resulta creible para ninguén. Xa vai sendo hora de que o goberno do Grove asuma os seus erros de xestión e deixe de intentar confundir á xente da vila.
Como a señora Victoria Canoura e o señor Antón Mascato saben, as plataformas wifi e os ordenadores de San Vicente, das Baladas e algúns dos da Casa de Cultura Manuel Lueiro Rey, foron instalados co programa Internet nas Bibliotecas, programa de duración determinada (cofinanciado con fondos FEDER e fondos da empresa pública Red.es de pendente do Ministerio de Industris, Comercio e Turismo), que pasou entre os anos 2007 e 2008 a ser responsabilidade da Consellería de Cultura da Xunta en mans do BNG, e non a cargo da Deputación como afirma a señora Canoura. A partir desa data as plataformas Wifi quedaban liberadas de claves pero en ningún caso inhabilitadas, tan só a deixadez e nalgún caso, o dar de baixa as liñas ADSL (nun intento desesperado de aforrar custos de telefonía), foron as causas da desaparición das redes Wifi de As Baladas e San Vicente e de deixar aos usuarios deses servizos sen acceso a Internet. Ao que podemos engadir o feito de ter pechada a biblioteca de San Vicente desde xullo de 2007 e o abandono total das instalacións, incluídos os ordenadores e a rede Wifi.
O asunto é aínda máis preocupante se temos en conta que, durante estes anos ofertáronse novas subvencións da Consellería de Cultura para a mellora de Internet nas bibliotecas que consistían na posta en marcha de novas plataformas wifi, ou o cambio e reparación das xa existentes, e a adxudicación de novos ordenadores. Ditas subvencións ou ben non foron solicitadas pola Concellería de cultura do cuatripartito ou ben non foron concedidas pola Consellería de cultura do bipartito. En todo caso a señora Canoura debería pedirlle explicacións ao seu compañeiro de goberno e de partido, Antón Mascato, sobre o que aconteceu coas citadas subvencións.
En canto á aula de novas tecnoloxías da Casa de Cultura Manuel Lueiro Rey coexisten ordenadores de Innovación e Industria e ordenadores dos programas de bibliotecas porque o goberno do cuatripartito decidiu esa disposición. A aula de dinamización foi pechada en novembro de 2008, co bipartito na Xunta e a Consellería de Innovación e Industria en mans do BNG, e ese peche arrastrou tamén a privación do acceso dos usuarios aos ordenadores da biblioteca municipal pola propia decisión do cuatripartito. Polo tanto non podemos entender a que ben agora, no 2010, botarlle as culpas desa situación ao actual goberno da Xunta e ao Partido Popular cando vostedes non foron quen de xestionar co goberno amigo do BNG, no 2008, a contratación dunha persoa para atender a aula.
O que queda claro é que, a pesar de botar continuamente balóns fora, os únicos responsables da penosa situación actual son os integrantes do cuatripartito. Eles son os únicos culpables de que o concello do Grove sexa unha vila na cola da Sociedade da Información e de que os cidadáns e cidadás sexan privados do acceso á cultura.
No hay comentarios:
Publicar un comentario