ROGOS E PREGUNTAS.
(As previstas polo Grupo Municipal Popular para o pleno de febreiro e que non puideron ser realizadas por ser convocado este como extraordinario)
Postura do cuatripartito ante a imputación do alcalde
A pesar da “cortina de fume” na que se empeña insistir o noso alcalde co tema da Pousada, para tapar a súa apestosa actuación na tramitación e adxudicación do xa famoso edificio administrativo e que coñecemos en detalle a través das súas declaracións no xulgado e posterior auto do mesmo que confirman, por unha banda un proceder irregular, sen escrúpulos e cheo de favoritismos; e pola outra, a imputación na presunta comisión de tres gravísimos delitos, dirixímonos aos seus compañeiros de goberno para preguntarlles se tales feitos, ao igual que denunciaron noutras ocasións, deben quedar, ao seu xuízo, sen unha resposta clara e contundente como fixeron cando se tratou doutros compañeiros.
É por elo, que dende o Grupo Municipal do Partido Popular e ante a representación da “procesión dos caladiños” que o goberno cuatripartito está a protagonizar, facemos as seguintes preguntas,
Consideran suficientes os presuntos delitos cometidos e a imputación feita ao alcalde como para solicitarlle a súa dimisión?
Consideran válido e correcto este xeito de proceder na tramitación de expedientes e adxudicación de obras e servizos por parte do goberno do que forman parte?
Custos do proceso xurídico
Como consecuencia do mesmo asunto atopámonos ante unha situación xurídica na que varios funcionarios teñen que declarar ante o xuíz. Todos eles, tal como establece o seu convenio colectivo teñen dereito a ser asistidos por un avogado que costeará o concello e o compartimos por verse inmersos nun proceso provocado na súa actividade profesional e que de seguro eles non provocaron.
Do mesmo xeito, e facendo uso das prerrogativas das que o alcalde dispón, este nomeará un letrado que o asista no citado proceso.
Seguindo co criterio deste alcalde e o seu equipo de goberno en situacións anteriores, ofertando cobertura xurídica a veciños alleos ao concello (alleos, no senso de que non eran funcionarios nin responsables políticos) e deixando arbitrariamente fora desta cobertura a dous compañeiros da corporación en situación xurídica semellante a que ten el nestes momentos (dando xa daquela as primeiras mostras do seu rampante sectarismo e prepotencia) solicitamos, se nos aclare cal vai ser a súa postura nestes momentos, e por elo lle preguntamos,
Vai seguir os mesmos criterios á hora de nomear avogado para a defensa dos imputados?
O letrado e procurador que os asistan no mencionado proceso van ser asumidos polo concello, ou vai pagalos do seu peto como tiveron que facer os compañeiros de corporación aos que lles negou a asistencia xurídica?
Contenciosos-administrativos contra Alfredo Bea
E xa que vai de procesos xudiciais e custes de avogados, queremos fixala atención no eterno e incomprensible conflito que o noso concello, a través da man executora do edil de deportes e co consentimento do alcalde ten co Club de Piragüismo Grobe.
Que nós saibamos, son tres os procesos abertos e admitidos a trámite nos que estamos inmersos. Situación, por outra parte moi sinxela de arranxar pola vía do diálogo e a conciliación que se lle debe presupor a calquera gobernante e que aquí parece que estamos empeñados en manter. Tres contenciosos-administrativos nos que en teoría (e coa filosofía deste goberno) teriamos que estar personados e nomear en cada un deles avogado e procurador.
A vista dos acontecementos, de que xa levamos perdidos varios procesos (fundamentalmente no ámbito da xustiza deportiva) e non compartindo o xeito de tratar todo este dislate, preguntamos,
Está o concello personado e ten nomeados procuradores e avogados nestes contenciosos?
Canto se prevé que vaian custar todos estes procedementos xudiciais?
Non seria máis doado arranxar este conflito pola vía do dialogo e dedicar os fondos que van absorber estes procesos, a propia actividade deportiva?
No hay comentarios:
Publicar un comentario