A Xunta Executiva local analizou os datos electorais, que situaron a este partido como o máis votado do municipio, e fixou obxectivos de cara a novos comicios e especialmente aos municipais
· Miguel Ángel Pérez salienta que a saída do bipartito autonómico da Xunta “debeuse a unha actitude arrogante e a unha falta de atención ás persoas”, algo que “ocorre igual ou peor co cuatripartito do Grove”.
O Grove, 16 de marzo de 2009.- O Partido Popular do Grove valora positivamente os resultados das eleccións autonómicas do pasado 1 de marzo e, desde a prudencia e o convencemento de que estes non son extrapolables a outras citas electorais, os considera como un impulso para recuperar a alcaldía. A Xunta Executiva local, reunida o pasado venres, analizou os datos electorais, que situaron a este partido como o máis votado do municipio, e fixou obxectivos de cara a novos comicios e especialmente aos municipais.
O PP obtivo no Grove 2.421 votos, 370 máis que nas anteriores autonómicas e 325 máis que o PSOE, que foi a segunda forza máis votada. O presidente local do partido, Miguel Ángel Pérez, apunta que na xuntanza “quedou claro que non hai que confiarse e marcáronse metas máis altas para próximas convocatorias electorais”, pero concluiuse tamén que “estamos nunhas condicións inmellorables para afrontar calquera reto e moi ben posicionados de cara a unhas municipais que nos permitan recuperar a alcaldía”.
Pérez resalta que esta circunstancia prodúcese “cando legamos dous anos na oposición e, sen embargo, comprobamos que mantemos unha base de votos moi sólida”. Así, refire que o PP pasou dos arredor de 1.000 votos dos anos 90 aos máis de 2.400 actuais, “que mantemos en todas as convocatorias electorais e que supoñen arredor do corenta por cento dos votos emitidos”.
O CUATRIPARTITO DO GROVE, PEOR QUE O BIPARTITO DA XUNTA
A Executiva do PP analizou tamén a situación que derivou no cambio de goberno en Galicia. A ese respecto, Miguel Ángel Pérez salienta que a saída do bipartito autonómico da Xunta “debeuse a unha actitude arrogante e a unha falta de atención ás persoas”, algo que “ocorre igual ou peor co cuatripartito do Grove”. O bipartito, apunta, “só miraba para o seu embigo e permitiu que unha minoría impuxera as súas posicións á maioría, nada distinto do que ocorre aquí”. No caso do Grove, engade, “se cabe, a situación é aínda peor, xa que o goberno o conforman catro grupos que nada teñen que ver entre eles e o responsable de poñer orde non ten autoridade nin capacidade para enderezar o rumbo”.
Ante esta situación, o PP reitera a súa disposición “a seguir traballando e ofrecendo o seu apoio nos temas clave para o municipio, como o PXOM e os orzamentos, aínda que se nos siga rexeitando esa colaboración”, pero tamén “continuaremos a denunciar o que se faga mal e, sobre todo, o que non se fai, que é moito, porque esa é a nosa obriga e a nosa responsabilidade, por moito que lles moleste aos que gobernan”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario