viernes, 20 de febrero de 2009

A RECALIFICACIÓN URBANÍSTICA QUE PRETENDE CACABELOS PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA URBANIZACIÓN DEMOSTRA A DOBRE MORAL DOS SOCIALISTAS

O Grove, 18 de febreiro de 2009.- A recalificación urbanística que pretende executar o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, entre a praia de Raeiros e a da Barrosa, onde se atopa a depuradora de Opmega, para construír unha nova urbanización a pé de praia demostra a dobre moral dos socialistas, “que fai con total descaro o que aos cidadáns lles prohíbe”, en palabras do concelleiro do PP Alexandre Aguín.

Aguín cualifica de “cacicada” a dita decisión, “tendo en conta que os veciños de San Vicente non poden poñer pedra sobre pedra sen que veñan os de Costas a levantar un expediente”, o que contrasta “co intento do alcalde de construír unha urbanización en primeira liña de praia, mentres o señor Besada, cómplice deste cuatripartito sostido exclusivamente por intereses persoais, mira para outro lado”.

Para o PP, “non se pode confiar nos socialistas nin nos seus socios”. O concelleiro popular lembra as acusacións de falta de moral que o nacionalista Besada lanzou contra o anterior Goberno local pola construcción dos chalés de Raeiros, “que tiñan unha licenza concedida hai vinte anos e que se sitúan a 100 metros da praia”. Agora, en cambio, “cala e esquece as súas leccións de moral cando o alcalde pretende facer esa urbanización, casualmente na zona onde veranea Pérez Touriño, no que empeza a parecer a segunda Villa PSOE”.

ABSURDO INADMISIBLE

Alexandre Aguín lembra tamén que, durante o mandato do PP no Grove, os partidos que actualmente conforman o cuatripartito, e especialmente o PSOE, negáronse a recalificar os terreos da conserveira Miau en Porto Meloxo, “proposta para evitar a deslocalización da empresa noutros países e acadar a liquidez que lle permitira manter a actividade e os empregos no Grove”. Debido á negativa, “actualmente a antiga fábrica se utiliza como almacén e funcionan exclusivamente coa fábrica de Cambados”. A dobre moral dos socialistas e os seus socios “levan ao absurdo inadmisible de rexeitar unha proposta feita para manter actividade económica e emprego e despois impulsar a mesma proposta sen máis xustificación que intereses particulares”.

O Partido Popular avoga por recuperar os terreos para uso público e desfrute dos grovenses e critica que se pretenda trasladar a depuradora ao futuro polígono industrial, “que aínda non está nin proxectado”.

No hay comentarios: