sábado, 8 de noviembre de 2008

O PP PRESENTA UNHA MOCIÓN NO CONCELLO DO GROVE DESTINADA A ESIXIR DO GOBERNO CENTRAL A REFORMA URXENTE DO FINANCIAMENTO LOCAL

Miguel Ángel Pérez considera esta proposta “moito máis eficaz para evitar o colapso económico dos concellos que a do cuatripartito de subir as taxas, que supón agravar aínda máis as dificultades dos cidadáns”

O Grove, 7 de novembro de 2008.- O Partido Popular ven de rexistrar no Concello do Grove unha moción pola que se insta á Corporación Municipal a esixir do Goberno central a reforma urxente do financiamento local, vencellándoo, de acordo co compromiso adquirido polo presidente Zapatero no seu discurso de investidura, á propia reforma do sistema xeral de financiamento autonómico. A iniciativa propón, así mesmo, demandar o compromiso do Presidente do Goberno de que aumentarán, con cifras reais, as transferencias económicas do Estado aos concellos.

O portavoz do PP do Grove, Miguel Ángel Pérez, salienta a importancia que para os Orzamentos Municipais teñen os ingresos procedentes da participación en tributos do Estado ou en outras transferencias do Estado, cifrados en máis de 2 millóns de € no capítulo 4.2 dos Orzamentos para 2008 recentemente aprobados. Así mesmo, subliña que a diminución da participación dos concellos nos ingresos do Estado prevista nos Orzamentos Xerais para 2009 “suporá unha merma na prestación de servizos básicos aos cidadáns inaceptable especialmente nos actuais momentos de crise económica”, tendo en conta que a dita participación supón case a cuarta parte dos ingresos totais dos municipios. A minoración prevista cífrase en xeral nun mínimo do 1,5%, que no caso dos concellos galegos podería chegar ao 2%.

O ALCALDE NON PENSA NOS VECIÑOS

Miguel Ángel Pérez considera a proposta presentada hoxe polo seu partido “moito máis eficaz para evitar o colapso económico dos concellos que a do cuatripartito de subir as taxas, que supón agravar aínda máis as dificultades dos cidadáns”, o que demostra que “o alcalde e o seu equipo non pensan nos veciños, senón nos seus propios intereses”. Igualmente, resalta que a situación financiera das entidades locais agrávase polo incumprimento do 90 por cento dos compromisos económicos adquiridos pola Xunta cara os concellos no Pacto Local asinado en 2006. Os veciños, apunta, “reclaman a implicación da Xunta e do Goberno do Estado para evitar a quebra dos concellos”, algo que “enningún modo debe pasar por aumentar os impostos municipais, porque iso aumentaría aínda máis as dificultades económicas dos cidadáns”.

O PP lembra que, malia dispoñer de menos do 14% dos recursos públicos, os concellos non teñen deixado en ningún momento de atender as demandas dos veciños, que sinten esta administración como a máis cercana. Sen embargo, a actual crise económica está a agravar aínda máis a sempre delicada situación das Facendas Locais, entre outras cousas porque a diminución da actividade urbanística, que en Galicia se sitúa este ano no 35%, implica que os concellos deixen de percibir, cando menos, 20 millóns de euros dunha fonte de recursos que representa máis dunha quinta parte do total dos seus ingresos. Unha situación que, sen dúbida, agravarase o vindeiro ano e á que hai que engadir ás dificultades para poder acceder a créditos.

PARALIZACIÓN DO PXOM

Pérez fai fincapé en que, no caso do Grove, os ingresos procedentes da actividade urbanística “vense significantemente mermados debido á paralización provocada pola falla dun Plan Xeral de Ordenación e sobre todo a falla de iniciativa política por parte do actual goberno local”. Nese sentido, lémbralle ao alcalde que “en máis dunha ocasión, nun claro exemplo de responsabilidade política, o noso grupo puxo á súa disposición a confianza que os nosos veciños depositaron nos sete concelleiros do Partido Popular para traballar na consecución definitiva do tan necesario PXOM”.

A moción presentada polo PP propón tamén instar ao Goberno para que a futura Lei de Bases de Réxime Local aborde definitivamente a delimitación precisa das competencias dos concellos e das deputacións provinciais ao obxecto de evitar a situación actual de asunción de competencias impropias. Igualmente, inclúe a esixencia da creación urxente dun Consello Local de Política Financeira para tratar os temas de interese bilateral, tales como actualización do catastro, transferencias estatais, xestión dos convenios e cooperación administrativa.
Por último, propónse na moción solicitar aos presidentes da FEMP e da FEGAMP a celebración dunhas asembleas extraordinarias que reivindiquen a reforma do financiamento local, a súa estabilidade orzamentaria e o saneamento das facendas locais, de forma que os entes locais poidan garantir aos cidadáns os servizos que necesitan en condicións de igualdade e equidade, e para acadar o peso político e institucional que lles corresponde como administración máis cercana.

No hay comentarios: