viernes, 28 de noviembre de 2008

O GOBERNO LOCAL DO GROVE ADXUDICOU A OBRA DO EDIFICIO ADMINISTRATIVO SEN QUE O ARQUITECTO, IRMÁN DO ALCALDE, ENTREGARA O PROXECTO DE EXECUCIÓN

Miguel Ángel Pérez anuncia que o PP pedirá explicacións e esixirá toda a documentación “ante as chapuzas e anomalías cometidas no procedemento"

O Grove, 29 de novembro de 2008.- O Goberno local do Grove adxudicou recentemente a obra do edificio administrativo previsto na rúa Cándido Acuña sen que, entre outros trámites incumpridos, o arquitecto, que é irmán do Alcalde, entregara o proxecto de execución que lle foi contratado mediante concurso, imprescidible para tal adxudicación.

Ademais da “casualidade” que supón que David Cacabelos gañara o concurso para a redacción do proxecto básico e de execución para o devandito edificio administrativo, que supón un investimento de 750.000 euros e que conta cunha subvención da Xunta de Galicia, o Partido Popular do Grove salienta que a adxudicación da obra, “anunciada a bombo e platillo polo tenente de alcalde”, fíxose sen a documentación preceptiva, segundo apunta o portavoz municipal do PP, Miguel Ángel Pérez.

Así, á ausencia do proxecto de execución súmanse proxectos sen visar polo colexio correspondentes e informes da Intervención e da Secretaría nos que se advirten de anomalías en cada un dos pasos dados. Igualmente, “parte da documentación está incompleta e obsérvase tamén a falta de elementos na mesma que garantan un correcto desenvolvemento do proxecto unha vez adxudicado e que non poñan en risco todas as garantías que a Administración debe tomar nunha contratación destas características”, algo que “podería multiplicar significativamente o custo final das obras”.

NULA PREVISION E RIGOR POR PARTE DO GOBERNO

En opinión deste partido, a adxudicación levouse a cabo “saltándose todas as premisas que a lexislación marca para este tipo de contratos”. Por esa razón, Miguel Ángel Pérez anuncia que o PP pedirá explicacións e esixirá toda a documentación “ante as chapuzas e anomalías cometidas no procedemento”. Considera o portavoz popular que “tamaños despropósitos” veñen derivados da aprobación tan tardía dos orzamentos, “inexplicable nun goberno con maioría absoluta”, así como “da nula previsión e rigor que este goberno aplica ao seu traballo e da sua obsesión por chegar en tempo á xustificación dunha subvención cuxo prazo remata o vindeiro día 30”.

Respecto a esa presa por cumprir o prazo marcado pola subvención da Consellería da Presidencia, Pérez subliña que “o fin non xustifica este xeito de levar a cabo os procedementos, que na Administración están moi marcados”, ademais de que, por outra banda, “saltarse á toreira todos os trámites non garante que se chegue a tempo”.

Así mesmo, Miguel Ángel Pérez considera “moi significativo” que en gran parte do proceso seguido para esta adxudicación “non apareza o alcalde, senón que son os seus escudeiros, Besada e Bea, os executores do mesmo”, o que, engade, “fai sospeitar que Cacabelos non estea del todo tranquilo con este expediente, cecais porque o redactor do proxecto é o seu irmán”.

No hay comentarios: