domingo, 19 de octubre de 2008

O PARTIDO POPULAR SOLICITA QUE SE CONVOQUE O CONSELLO SECTORIAL DO TURISMO PARA MELLORAR “COAS ACHEGAS DE TODOS” A PRÓXIMA EDICIÓN DA FESTA DO MARISCO

Fotografía procedente de www.todogrove.com

Miguel Pérez salienta que “o bo traballo de moitas persoas ao longo de moitos anos” logrou que a celebrada este ano obtivera bos resultados “malia a pouca iniciativa do Goberno local”
· “Cando o alcalde fala de catastrofistas debe referirse aos seus compañeiros de goberno, que a poucos días do inicio dos festexos criticaban nos medios de comunicación a falta de previsión e o nulo traballo do concelleiro responsable”.
O Grove, 17 de outubro de 2008.- O Partido Popular do Grove insiste en solicitar que se convoque o Consello Sectorial do Turismo para mellorar “coas achegas de todos”, grupos políticos e empresarios, a próxima edición da Festa do Marisco. O portavoz deste partido no Concello grovense, Miguel Ángel Pérez, amosa a súa satisfación polas cifras de produto vendido na edición que acaba de rematar e pola súa repercusión no concello e na comarca, xa que eses datos indican “que moita xente visitou O Grove e iso ten que alegrarnos a todos”. Non obstante, entende que os obxectivos da Festa “están cumpridos desde hai anos, dacordo cos milleiros de visitantes que recibe”, pero que é necesario “coidala, mellorala e dotar todo o seu contido dos criterios de máxima calidade”.

“Está claro que a Festa ten unha forza enorme que non debemos menospreciar, senón coidar, mimar e mellorar”, apunta Pérez, quen ofrece a colaboración do seu partido para ese obxectivo “porque sabemos do que estamos a falar e temos moito que achegar”. Nese sentido, considera fundamental a convocatoria do Consello Sectorial “e que se estudien seriamente algunhas iniciativas”, sen que se repita “o bochornoso espectáculo ofrecido cos Centolos de Ouro, que ao mesmo tempo que se nos convocaba á xuntanza onde se debían decidir se publicaba xa na prensa a inamovible decisión deste intransixente goberno, que ás veces parece esquecer que estamos en democracia”.
Miguel Pérez salienta que “o bo traballo de moitas persoas ao longo de moitos anos” logrou que a celebrada este ano obtivera bos resultados “malia a pouca iniciativa do Goberno local”. A ese respecto, sinala algúns aspectos “que a pesar do bo final deste ano non se deben volver producir”, comezando pola presentación da Festa “que debe facerse con tempo suficiente para que cumpra o seu verdadeiro obxectivo, a promoción, polo que a data da primaveira, como se decidiu xa hai uns anos, preséntase como a máis axeitada e efectiva”.

GAÑAR FINS DE SEMANA

Igualmente, suxire que a Gala da Festa do Marsico “estaría tamén mellor ubicada nunha fin de semana distinta das que forman a semana grande, xa que nela hai xa visitantes dabondo na vila e o modelo anterior introducía unha fin de semana máis, que axudaba a movilizar ambente nos locais de noite, que tamén forman parte da oferta”. O mesmo criterio deberá aplicarse, en opinión de Miguel Ángel Pérez, ao Certame de Habaneras, “que se vai consolidando e atrae moita xente, polo que se se fai con anterioridade permitiría gañar outra fin de semana de actividade no concello”.

Con estas e outras achegas, “a Festa e O Grove sairían gañando sen dúbida”, indica Pérez, quen engade que, ademais, “evitaríase o triste espectáculo que os membros do goberno protagonizaron e que agora lle queren imputar aos demais acusándoos de catastrofistas”. Nese sentido, subliña que “cando o alcalde fala de catastrofistas debe referirse aos seus compañeiros de goberno, que a poucos días do inicio dos festexos criticaban nos medios de comunicación a falta de previsión e o nulo traballo do concelleiro responsable”.

No hay comentarios: