lunes, 1 de septiembre de 2008

O PARTIDO POPULAR CONSIDERA OS ORZAMENTOS APROBADOS POLO GOBERNO DO GROVE “UN MONUMENTO Á IRRESPONSABILIDADE”

Incumpren a legalidade ao non nivelar realmente gastos e ingresos, tal como establece a Lei de Facendas Locais e advirte o informe de Intervención

· “Chama a atención que a partida de Cultura non chega ao 2 por cento do total, cando os actuais responsables desta área reivindicaban sempre, desde a oposición, que ésta tiña que representar polo menos o 5 por cento”, salienta Miguel Ángel Pérez.
· O PP considera un despilfarro o gasto de 31.000 euros para aluguer do local do cine, “en lugar de alugalo individualmente para cada acto, que sería moito máis económico”, así como a realización de obras no mesmo “con cargo ao erario público, sendo como é de titularidade privada”.

O Grove, 1 de setembro de 2008.- Logo de analizadas con detemento as distintas partidas previstas, o Partido Popular reafírmase en considerar os orzamentos aprobados polo Goberno do Grove para 2008 “un monumento á irresponsabilidade”. As contas incumpren a legalidade ao non nivelar realmente gastos e ingresos, tal como establece a Lei de Facendas Locais e advirte o informe de Intervención que acompaña ao Orzamento e que “o alcalde e o seu equipo decidiron pasar por alto, porque esa é a súa forma de gobernar”, resalta o portavoz do Grupo municipal do PP, Miguel Ángel Pérez, quen sinala que o orzamento supón “un perigo de cara á estabilidade futura polo inflado masivo dos ingresos que presenta”.

En canto ao contido do documento, as previsións para a área de Cultura constitúen un dos focos que máis sorprenden no mesmo. “Chama a atención que a partida de Cultura non chega ao 2 por cento do total, cando os actuais responsables desta área reivindicaban sempre, desde a oposición, que ésta tiña que representar polo menos o 5 por cento, o que utilizaban como excusa para non votar os orzamentos co Goberno anterior”, salienta Miguel Ángel Pérez, para quen este feito é “unha máis das incongruencias deste Goberno, claro exemplo de que unha cousa é predicar e outra dar trigo”. Dentro desta área, Pérez considera inexplicable que aparezan varias aplicacións dotadas cun só euro, como é o caso do gasto telefónico da Casa de Cultura. Así mesmo, destaca que se prevea a edición dun boletín, algo “que dá medo pensalo despois de ver o último do BNG e as cousas que nel contan sobre as accións que supostamente fixeron”.

MUSEO DA SALGA

Igualmente, o PP non entende que a única previsión de persoal para o Museo da Salga, posto en funcionamento polo anterior goberno e sobre o que o actual, “sorprendentemente pareceu amosar un gran interese”, sexa “a contratación dun auxiliar para tres meses”, polo que este partido plantéxase “qué vai pasar con esa instalación o resto do tempo en que o Orzamento estea en vigor”.

Doutra banda, o PP considera un despilfarro o gasto de 31.000 euros para aluguer do local do cine, “en lugar de alugalo individualmente para cada acto, que sería moito máis económico”, así como a realización de obras no mesmo “con cargo ao erario público, sendo como é de titularidade privada”. Pérez lembra que o cuatripartito “aínda non contestou a unha pregunta do noso partido sobre si hai subscrito algún contrato de aluguer deste local que, polas cantidades que se manexan, máis de 2.600 euros ao mes, sería necesario” e considera esa previsión “un capricho demasiado caro”.

No hay comentarios: