lunes, 19 de mayo de 2008

O PP DO GROVE URXIRÁ AO GOBERNO LOCAL A REMATAR AS OBRAS DA RÚA LUIS SEOANE ANTES DO VERÁN

No vindeiro Pleno preguntará sobre as previsións para a segunda fase e pedirá que se retire a escombreira instalada en Confín desde o inicio da primeira, que ofrece unha penosa imaxe nun dos lugares máis transitados
O Grove, 19 de maio de 2008.- O Partido Popular do Grove urxirá ao Goberno local, a través dunha iniciativa que presentará no vindeiro Pleno ordinario, a rematar as obras de urbanización da rúa Luís Seoane antes do verán. O portavoz do Grupo Municipal do PP, Miguel Ángel Pérez, salienta que, rematada desde hai dous meses a primeira fase dos ditos traballos, no treito comprendido entre o cruce con Luis Casais e Orillamar, a falta do asfaltado, “o lamentable estado do vial fai que percorrelo se asemelle a facer unha proba de douscentos metros obstáculos”.
Subliña Pérez que tanto os veciños do Grove como os visitantes “están a pagar as consecuencias da falta de previsión e de organización deste Goberno” que, lembra, “someteu a un inxustificable retraso estas obras, que figuraban xa nos orzamentos que deixou aprobados o noso Goberno e que, por certo, foron votados en contra por PSOE, BNG e EU”
Ante esta situación, o PP preguntará sobre as previsións para a segunda fase e pedirá que se retire a escombreira instalada en Confín desde o inicio da primeira, que ofrece unha penosa imaxe dun dos lugares máis transitados. “É incrible”, sinala o portavoz popular, “que se manteña durante tanto tempo ese vertedoiro de escombros xusto nesa zona tan emblemática e turística, e cuxo aspecto deplorable dou xa a benvida a todos os visitantes do Grove na ponte de maio”.

Para o PP, “esta é unha proba máis do pouco que lle preocupa ao cuatripartito a imaxe do noso municipio, que nunca como nestes últimos meses presentou tal aspecto de abandono”. Unha deixadez que, doutra banda, “supón unha falta de respecto para quenes transitan ese lugar a diario ou teñen alí instalados os seus negocios”.

No hay comentarios: