miércoles, 30 de enero de 2008

O PARTIDO POPULAR CONSIDERA “UN DISPARATE” DEIXAR SEN ALUMEADO A ESTRADA QUE A XUNTA ESTÁ A ARRANXAR Á ENTRADA DO GROVE

Fotografía procedente de www.todogrove.com
O feito de que Política Territorial non a considere travesía urbana non é, para Miguel Pérez, “xustificación para suprimir unha iluminación que leva dezaseis anos nesa zona tan complicada en canto a seguridade vial”
O Grove, 30 de xaneiro de 2008.- O Partido Popular considera “un disparate” a decisión de deixar sen alumeado a estrada que a Xunta de Galicia está a arranxar á entrada do Grove, agás en dúas rotondas, decisión que se coñeceu hai uns días e que provocou as queixas dos veciños.
O voceiro municipal desta formación, Miguel Pérez, salienta que, malia estar de acordo co proxecto que se está a executar, impulsado na etapa na que gobernaba o Partido Popular, non pode admitirse que, despois das obras, a dita estrada quede sen o alumeado que existe actualmente, posto que “entón resulta que en lugar de mellorar as cousas vanse gastar recursos para empeoralas”.

TRAZADOS SIMILARES CON ILUMINACIÓN
O feito de que Política Territorial non considere esta estrada como travesía urbana non é, para Miguel Pérez, “xustificación para suprimir unha iluminación que leva dezaseis anos nesa zona tan complicada en canto a seguridade vial”. O presidente local do PP subliña, nese sentido, que “todos coñecemos trazados que, tendo as mesmas características que este, contan con alumeado, como por exemplo, vemos no Grove, a estrada de acceso Este a San Vicente”.
En calquera caso, entende Pérez que “debería impoñerse a lóxica e prevalecer a seguridade dos usuarios dese vial, que sen dúbida aumentará a súa perigosidade se o deixan a escuras”. Por esa razón, o PP insta ao Goberno municipal a que xestione coa Consellería de Política Territorial o mantemento do alumeado “que existe nesa zona desde hai dezaseis anos sen que ninguén lle puxera obxección algunha”.

No hay comentarios: