Texto: I. Rodríguez Fotos: M. Muñiz
O presidente provincial do PP, Rafael Louzán, acompañou a varios membros da candidatura popular nun percorrido matutino pola rúa Castelao no que tamén aproveitou para definir ao actual rexedor, José Antonio Cacabelos, como un dos alcaldes con “peor xestión de toda a provincia”.
Na súa visita deste luns a un municipio que definiu como “dos máis importantes de Galicia”, debido a súa actividade turística, Louzán amosouse moi crítico co actual Goberno local, e lamentou que a cidadanía tivese que soportar “catro alcaldes que só se puxeron de acordo para os soldos e logo tiveron totalmente abandonado ao municipio” durante todo o mandato, segundo recolleu o PP nun comunicado.
O actual responsable da Deputación Provincial definiu ao actual alcalde, o socialista José Antonio Cacabelos, como un dos rexedores “coa peor xestión da provincia”, posto que “non só xestionou pouco, senón que, ademais, xestionou moi mal”. Para Louzán Cacabelos é unha “réplica exacta” a nivel local, do presidente do Goberno central, José Luis Rodríguez Zapatero.
Por iso, acusouno de empregar a “mentira” o “engano” e a “insidia”, ao tempo que criticou a actitude amosada polo rexedor coas outras administracións, buscando “o enfrontamento continuo” e “poñendo todo tipo de atrancos” cando Xunta e Deputación, coa “man tendida”, quixeron “apostar por este concello”.
Por un “goberno estable”
Louzán,que tamén anunciou que proximamente repetirá o paseo deste luns polas rúas de San Vicente, instou aos veciños a poñer fin “á situación de desgoberno dos últimos anos” dando o seu apoio a un “goberno estable” liderado polo candidato popular e ex alcalde, Miguel Ángel Pérez, “unha persoa coñecida” que se presenta como cabeza de lista cun “equipo renovado”, ilusionado con “lograr por primeira vez un goberno de maioría que lle dea ao Grove a estabilidade que necesita”.
Ademais, asegurou que si Pérez retorna á alcaldía vai contar “co apoio das administracións” posto que “vai facer o contrario” que Cacabelos. Explicou o presidente provincial do PP que o seu candidato concorre de novo aos comicios municipais “coa firme disposición de darlle resposta aos grandes retos do municipio”. Entre estes destaca a aprobación dun PXOM “que os socialistas comprometeron e aínda non fixeron”; ou dotar a O Grove de infraestruturas tan necesarias como un auditorio, unha piscina cuberta, un novo pavillón de deportes, o centro de saúde ou o centro de día.
Pérez pola súa parte agradeceu a colaboración de Louzán e destacou o seu coñecemento da problemática local, “o que demostra o seu compromiso” con esta vila. O candidato asegurou tamén que “a partir do 22 de maio vanse resolver os problemas deste concello de forma coordinada, cun goberno do PP”.



No hay comentarios:
Publicar un comentario