viernes, 5 de septiembre de 2008

A POLÍTICA DO GOBERNO DO GROVE EN MATERIA DE URBANISMO LIMITOUSE AOS PARCHES INTERESADOS

“Aínda non houbo nin unha xuntanza para o PXOM, malia as ofertas de apoio do noso partido, mentres aproban plans parciais que rexeitaron cando gobernaba o PP”, salienta Miguel Pérez
· “Criticar o decreto `Cuiña´ sen ofrecer alternativas serias e deixando as cousas na situación anterior, que eles mesmos tanto denunciaron, non é responsable”.
O Grove, 4 de setembro de 2008.- A política desenvolvida polo Goberno local do Grove en materia de Urbanismo ao longo do seu primeiro ano de mandato limitouse a realizar parches interesados “por medo a afrontar e pór en práctica todo o que predicaron os seus membros cando eran oposición e que agora se confirma que era só unha estratexia para intentar desgastar ao Goberno anterior”. Así o expresa o portavoz do Grupo municipal do Partido Popular, Miguel Ángel Pérez, quen salienta que os cidadáns “comproban cada día que estamos gobernados por políticos de boquilla, por moito que o alcalde pretenda facer ver que están a traballar intensamente”.

Para o PP, a única forma sensata de resolver o problema urbanístico no seu conxunto é mediante a redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). “Aínda non houbo nin unha xuntanza para o PXOM, malia as ofertas de apoio do noso partido, mentres aproban plans parciais que rexeitaron cando gobernaba o PP”, salienta Miguel Pérez, quen pon como exemplo os plans parciais para o centro de saúde, o centro de día ou o a zona industrial e pregúntase se os veciños “terán que esperar indefinidamente porque o alcalde non quere afrontar o tema do solo” e subliña que a única actuación do actual Goberno en relación co PXOM “foi rescindir o contrato do anterior equipo redactor”.

INCUMPRIMENTO DA LEI

Doutra banda, Pérez resalta que “criticar o decreto `Cuiña´ sen ofrecer alternativas serias e deixando as cousas na situación anterior, que eles mesmos tanto denunciaron, non é responsable”. Nese sentido, considera que “dá pavor escoitar ao alcalde dicir que o decreto é caprichoso e arbitrario e que existen novas leis a nivel autonómico e estatal e, ao mesmo tempo, pedindo que se retire para poder aplicar as Normas Subsidiarias, totalmente desfasadas e que non cumpren esas leis que él mesmo menciona”. Lembra o portavoz do PP que os actuais gobernantes “denostaron ata o infinito as Normas Subsidiarias e agora queren aplicalas de novo aínda que non se axusten á Lei, xa que teñen que ser substituídas necesariamente coa adaptación á Lei do Solo, ás Normas do Hábitat e demais normativa aplicable”. O alcalde e o seu equipo, “terían que desdecirse de moitas absurdas e interesadas manifestacións e posicionamentos que agora, claro, custa moito darlles a volta”, apunta Pérez, quen insiste en que a única vía é “un PXOM adaptado á lei, porque todo o demais sería crear unha tremenda inseguridade xurídica que poría a veciños e empresas contra a parede”.

SANCIÓNS INEXISTENTES NOS ORZAMENTOS

En canto ás declaracións de intencións do alcalde respecto á tolerancia urbanística, Miguel Ángel Pérez ve unha nova mostra de contradición no anuncio de que se vai a utilizar a vía das sancións para que os ilegais desistan da súa actitude e o feito de que nos orzamentos para 2008 que o Goberno ven de aprobar esas sancións son inexistentes, xa que “non se inclúe nin un só euro relativo a ese concepto”. Algo que, segundo lembra o concelleiro popular, “argumentaba o señor Besada, actualmente socio de goberno, para xustificar durante anos o seu rexeitamento aos orzamentos e que, curiosamente, agora que ten responsabilidades admite sen dúbida”.

Pérez suxírelle ao alcalde que traballe “máis, máis seriamente e con máis responsabilidade” e que fale menos “para evitar o erro de dicir unha cousa e logo facer outra”.

No hay comentarios: