martes, 10 de junio de 2008

O PARTIDO POPULAR SOLICITARÁ AO GOBERNO LOCAL QUE EXPLIQUE EN DETALLE CÁL É A SÚA APOSTA PARA A PROMOCIÓN TURÍSTICA DO GROVE

O alcalde anunciou hai un mes que a xestión neste ámbito pasaría por actuacións distintas á participación en feiras, que considerou inútiles en contra da opinión do sector.
O Grove, 10 de xuño de 2008.- O Grupo municipal do Partido Popular solicitará ao Goberno local que explique en detalle cál é a súa aposta para a promoción turística do Grove e qué tipo de actuacións e iniciativas contempla neste eido. A solicitude prodúcese despois de que, hai aproximadamente un mes, o alcalde anunciou que a xestión neste ámbito por parte do seu Goberno pasaría por actuacións distintas á participación en feiras, que considerou inútiles en contra da opinión do sector, que ve neste tipo de eventos unha boa oportunidade para dar a coñecer o municipio como destino.

O Grove estivo sempre presente nas principais feiras de turismo de España e Portugal, con stand propio ou dentro do pavillón de Turgalicia, e participou tamén nos workshops organizados polo organismo de promoción turística da Xunta. Sen embargo, o actual Goberno municipal renunciou a esta presenza e o municipio non estivo en eventos tan importantes como a World Travel Market (WTM) de Londres ou, máis recentemente, a feira de Barcelona ou a Expovacaciones de Bilbao, sendo o único concello do Salnés ausente.

ARGUMENTOS IMPROPIOS E ABSURDOS
Tanto o alcalde coma o concelleiro de Turismo xustificaron a non participación na feira de Bilbao, celebrada o pasado mes de maio, con argumentos “tan impropios e absurdos como dicir que nesas feiras se satura de información aos visitantes ou reducir a trascendencia do evento a un simple reparto de folletos”, salienta o portavoz do PP, Miguel Ángel Pérez, para quen tales afirmacións “dan unha idea moi clara do coñecemento que tanto o alcalde como o concelleiro teñen do mundo do turismo e do interese que poñen neste sector tan fundamental para o noso concello”.

Pérez cualifica de incomprensible e inadmisible “o que está a ocorrer neste Concello coa atención á area turística, que máis ben podería decirse que non existe” e contrasta esta actitude co carácter emprendedor e o impulso do sector no noso municipio”. Igualmente, subliña que “precisamente agora, cando vivimos unha clara crise económica, é máis necesaria que nunca a promoción turística, que no Grove é fonte fundamental de recursos económicos”. Sen embargo, conclúe, “este Goberno non só non fai nada, senón que desfai o que se levaba logrado nos anos anteriores” e fai referencia, a ese respecto, a que “O Grove situouse como pioneiro na súa promoción como destino e difundía a súa oferta nos eventos de máis alto nivel, a través dunha estreita colaboración do Concello co sector”.

No hay comentarios: